O Catálogo de bens a protexer do Plan de Ordenación do Medio Rural de Mondariz Balneario aprobado no ano 2001 recolle o Hotel Roma como ben cultural obxecto de protección. Inaugurado no ano 1907, este antigo hotel sitúase no centro da vila balnearia e o seu estado de conservación chama a atención de todos os visitantes polo seu estado de ruína. Na publicidade do s. XX os seus propietarios promocionaban o hotel “enclavado en el sitio más céntrico y elevado del balneario”. “Se halla a la altura de los mejores de su clase, dotado de amplias y ventiladas habitaciones, amuebladas según los más refinados adelantos y con luz directa, divisándose desde ellas hermosos y pintorescos valles.”
En outubro de 2019 presentouse unha denuncia ante a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia polo estado ruinoso deste ben protexido, pero non se obtivo resposta, de aí que presentásese unha queixa ante a Valedora do Pobo.
Unha vez que estudou a reclamación, a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, comunica que “dámola por admitida ao entender que reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei da Valedora do Pobo, e que atopa, en principio, cobertura constitucional derivada do artigo 103.1 da Constitución.”
“En consecuencia, coa data de hoxe iniciamos as actuacións oportunas ante a Consellería de Cultura, Educación e Universidade. En concreto requirímoslle que no prazo de 15 días, de acordo co previsto no artigo 22.1 da Lei da Valedora do Pobo, nos facilite información sobre os problemas que motivan a súa queixa.”
Deber de conservación
As leis establecen a obriga dos propietarios/as de bens culturais a conservalos e mantelos en bo estado material, así como o deber dos concellos a ordenar a execución de obras cando o estado das edificacións non sexa o axeitado. Así, a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia establece no seu art. 25:
- “Os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do Patrimonio Cultural de Galicia están obrigados a conserva los, coidalos e protexelos debidamente para aseguraren a súa integridade e evitaren a súa perda, destrución ou deterioración.
- Os poderes públicos garantirán a protección, a conservación e o enriquecemento do Patrimonio Cultural de Galicia.”
SOS FONTE DE TRONCOSO pediulle á Valedora do Pobo que investigase se as administracións competentes (Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e Concello de Mondariz Balneario) impuxeron á propiedade, unha promotora inmobiliaria radicada en Vigo, as multas coercitivas pertinentes que establece o art. 136.4 da Lei 2/2016 do Solo de Galicia para casos coma o que nos ocupa, onde o propietario dun edificio protexido incumpre co deber de conservación que lle impón a lei.