O pasado venres, 25 de outubro, celebrouse no salón de plenos do Concello das Neves unha nova reunión informativa sobre o controvertido proxecto de construción do parque eólico Coto dos Lobos. A cita, cnvocada polo alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, contou coa participación da alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, así como de representantes das comunidades locais de montes e augas, cuxos territorios se verán afectados pola posible instalación do parque.
Durante a sesión, Víctor Bouzas, representante da empresa Tysgal Medioambiente, presentou os avances dos informes técnicos solicitados polo Concello das Neves para avaliar os efectos ambientais do proxecto. Como explicou Bouzas, estase a traballar nun condicionado e nun informe técnico baseado no Estudo de Impacto Ambiental (EsIA) presentado pola promotora. A análise preliminar do estudo revelou importantes deficiencias na metodoloxía, o que supón, segundo o informe, unha infravaloración dos efectos ambientais reais.
Ante estas conclusións, o Concello das Neves fixo pública a súa postura de rexeitamento tanto á solicitude de autorización administrativa previa como á de construción para o parque eólico, e demanda a retirada definitiva do proxecto.
Ademais, trala xuntanza, os representantes dos concellos das Neves e Salvaterra de Miño decidiron unir esforzos e facer un fronte común para solicitar oficialmente a cancelación do proxecto, apoiándose nos datos achegados polo informe de Tysgal Medioambiente. Neste sentido, ambos os concellos facilitarán ás veciñas e veciños modelos de alegacións, que recollen os puntos máis destacados do informe técnico, para que poidan presentar as súas reclamacións de maneira formal.
As persoas interesadas en expresar as súas alegacións teñen de prazo ata o próximo 20 de novembro de 2024 e poderán facelo tanto mediante rexistro electrónico coma de forma presencial en calquera rexistro oficial.