Xoves, 8 Maio de 2025

A Xunta subvenciona ao Condado-Paradanta para a mellora de camiños municipais

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, contempla este ano un orzamento de máis de 410.000€ para a mellora de camiños municipais na bisbarras do Condado e A Paradanta ao abeiro do Plan Marco, segundo anunciou o delegado territorial en Pontevedra, Luis López, na súa visita ao concello de Crecente.

O representante autonómico informou que este municipio ten consignados un total de 39.695€ no Plan Marco 2021-2022 nunha visita de supervisión realizada esta mañá -na compaña do alcalde, Julio César García-Luengo- á actuación executada nos lugares de Carreira e Santa Mariña coa anterior convocatoria, na que se investiron máis de 32.000€.

Ademais da achega ao concello de Crecente, o organismo dependente da Consellería do Medio Rural vén de orzamentar, co Plan Marco, 68.818€ para o concello da Cañiza, 61.519€ para Covelo, 36.008€ para Arbo, 50.842€ para Ponteareas, 46.938€ para As Neves, 43.193€ para Salvaterra do Miño, 43.800€ para Mondariz e 23.590€ para Mondariz-Balneario.

“É fundamental realizar un apoio constante aos concellos rurais para soster as súas infraestruturas viarias, tal e como facemos todos os anos dende a Xunta, para mellorar a mobilidade das súas aldeas e parroquias e facilitar os labores agrogandeiros que, no caso dun municipio como Crecente, teñen bastante peso na súa economía”, indicou o delegado territorial, que revelou que este concello supera os 230.000€ de axudas de Medio Rural para a mellora de camiños nos últimos cinco anos só cos fondos do Plan Marco.

Así, e grazas a estas achegas, o Concello de Crecente modernizou unha ducia de vías municipais en lugares como Carreira, Santa Mariña, Montecelo, Nane, Pousa, Os Piñas, Ribeira de Abaixo, Chan da Mó, Pazo, Moucho, Vilapide ou o acceso á capela da Frieira e proxecta actuar este ano, co Plan Marco 2021-2022, na Lama, na parroquia de Albeos, e Mandelos, na de Villar.

Finalmente, Luis López destacou o elevado investimento nesta materia nas bisbarras do Condado e A Paradanta, “que levan este exercicio máis de 410.000€ para as súas vías interiores municipais dado o seu peso agrogandeiro, con especial preponderancia da hortofruticultura e da vide, e a existencia de moitas e amplas zonas rurais que precisan da mellor conectividade”.

Así mesmo, garantiu o “absoluto compromiso e máxima colaboración” do Goberno galego coas necesidades de Crecente, “dándolle continuidade ás moitas actuacións que está a acometer a Xunta en todos os ámbitos en aras do interese xeral dos veciños e que, no referente ao rural, plásmanse, por exemplo, no aumento este ano de case un 25% na dotación do Plan Marco para este municipio”.