Sábado, 3 Maio de 2025

Reparada a avaría da condución xeral e restáurase o subministro de auga no Porriño

O Consorcio de Augas do Louro vén de comunicar ao Concello do Porriño que ás 11 da mañá rematou a reparación da avaría que provocou un corte de subministro de auga que afectou a todo o centro urbano da localidade. Polo tanto, espérase que a subministración se normalice gradualmente.

A causa do fallo foi unha rotura na canalización xeral de auga. A avaría localizouse no Camiño de Currás e provocou problemas a partir das seis da mañá que se estenderon a toda a zona urbana.

Por outra banda, o Consorcio de Augas do Louro informa de que o corte de subministro que se anunciou hoxe para tarefas de mantemento da rede que ía afectar a vivendas, locais e empresas con sede na avenida de Galicia e noutras rúas colindantes, non terá lugar. Cancelouse ata novo aviso.