Venres, 9 Maio de 2025

Pedro Pereira será o candidato do BNG no Porriño

A asemblea local do BNG no Porriño escolleu por unanimidade a Pedro Pereira como o candidato a alcalde para as eleccións municipais de maio do 2023.

“Temos un proxecto ambicioso, pensamos no Porriño en grande, coas persoas no centro, e Pedro é a persoa máis acaída para liderar o proxecto. Ten un profundo coñecemento da administración local, capacidade de traballo e de diálogo, e unha solvencia demostrada na xestión que mesmo recoñecen os nosos adversarios políticos. Protagonista da transformación urbana do Porriño coa súa aposta polas peonalizacións, sempre ten na cabeza O Porriño do futuro”, declarou a responsable local, Míriam Martínez.

“Quero poñer de novo o Concello ao servizo da xente, das maiorías sociais. Encóntrome nun momento óptimo de madurez política e síntome capacitado para afrontar o gran reto de chegar á alcaldía. Asumo con orgullo esta responsabilidade e agradezo a confianza dos compañeiros”, afirmou Pedro Pereira, que asegurou que como alcalde defenderá sempre os intereses do Porriño “por riba de todo e sen ataduras”.

“Estamos no mellor momento da historia do BNG, temos o mellor candidato e queremos acoller e recuperar o voto desencantado da esquerda. Aspiramos a todo, somos unha forza política sólida, rigorosa e con equipo”, concluíu a responsable local do Bloque.