Sábado, 3 Maio de 2025

O PP do Porriño pide explicacións “sobre as continuas ausencias” da alcaldesa

Os populares porriñeses salientan que "non se presentaron as baixa laborais e mantivo a totalidade do seu soldo"

O Partido Popular do Porriño reclamou ao Secretario Municipal información detallada sobre as nóminas da alcaldesa ante o que os populares cualifican de “as súas continuas ausencias sen que conste baixa médica”. Segundo o portavoz popular, Alejandro Lorenzo, no que vai de ano “a rexedora asinou seis delegacións de competencias no primeiro tenente de alcalde”.

Procede a enumerar o PP, a lista de ausencias sobre as que solicitan información ao secretario muncipal:

  • Dende o 27 de febreiro de 2020 ate o día 2 de marzo de 2020
  • Dende o 11 de marzo de 2020 ate o día 18 de marzo de 2020
  • Dende o 30 de abril de 2020 ate o día 14 de maio
  • Dende o 28 de maio de 2020 ate o día 11 de xuño
  • Dende o 3 de xullo de 2020 ate o 21 de xullo
  • Dende o día 25 de setembro ao día 4 de outubro de 2020

Chaman a atención, ademáis que “é público e notorio que a rexedora se ausenta do seu posto de traballo habitualmente, en moitas ocasións sen delegar o exercicio das súas potestades en funcións”. Dende o que o PP cualifica de “máximo respecto á súa vida persoal”, consideran porén “inaceptable” que non se apliquen as baixas médicas ou non se presenten os partes de baixa “para manter o 100 % das súas retribucións”.

“Se tal e como se indica nos decretos de delegación, a alcaldesa non acudiu ao seu posto de traballo por enfermidade ou por gardar un periodo de convalecencia por prescripción médica, como é posible que non se entreguen os partes de baixa ou non se aplique a baixa médica que corresponde?”, cuestiona o portavoz, Alejandro Lorenzo.

Cabe destacar que as prestacións por incapacidade laboral estipulan que en caso de enfermidade común ou accidente non laboral, como sería o caso, percibiríase o 60 % da base reguladora dende o cuarto día de baixa ata o día 20, incluído, e o 75 % a partir do día 21.

“Se a Alcaldesa non presentou a baixa médica e mantivo a totalidade do seu soldo estaríamos ante unha demasía nos pagos de nóminas, polo que vimos de requerir ao Secretario Municipal os pagos efectuados nas nóminas de alcaldía de febreiro a xullo deste ano”, explica Lorenzo.

Para o edil a actitude da rexedora constitúe “unha falta de respecto á cidadanía” que non se pode soster máis no tempo. “Que Eva García deixou de lado as súas funcións como Alcaldesa habitualmente é algo por todos coñecido. Se está xustificado non poñemos obxeción algunha, pero facelo de maneira inxustificada é unha falta de respecto á institución que representa e polo tanto, aos veciños e veciñas do Porriño”, manifesta o o edil.

Para o voceiro o proceder da rexedora, non só podería ser ilegal senón que amosa a súa falta de implicación co cargo que ostenta. “Incorporouse hai días tras semanas de ausencia ‘por convalencencia’ e onte mesmo volve delegar as súas funcións durante once días ‘por motivos persoais”, conclúe o edil, “cando un é o Alcalde dun Concello ten que ser respectuoso cos cidadáns aos que representa. Non pode decir que fala en nome dos porriñeses e porriñesas e non cumplir con eles”.