Os populares do Porriño denuncian “o abandono e deficiencias” que sofre o aparcadoiro da Avenida de Galicia, “no que se están incumprindo de xeito grave” os pregos polos que se adxudicou a concesión en 2004, e durante 40 anos, á empresa Cota 7 servizos e inversións S.A.
O voceiro Alejandro Lorenzo, explica que “a empresa concesionaria está incumprindo en todos os aspectos coas súas obrigas, leva varios anos sen pagar o aluguer, está sucio, mantemento extintores nulo, falta hixiene e non existe atención presencial no aparcamento, pero si continúa cobrando aos usuarios polo seu uso ante un Goberno local que non fai absolutamente nada”. Ademais, tampouco hai seguridade e o ascensor está fóra de servizo, polo que impide o acceso a persoas con mobilidade reducida e carros de nenos.

Esta situación deixa en evidencia, segundo o popular, “a pésima xestión do PSOE -BNG do Porriño, con pouca capacidade para solucionar os problemas e unha deixadez absoluta para reclamar á concesionaria que cumpra e garanta un servizo de calidade nunha instalación pública”. Por iso, o PP solicitou ao secretario, interventora e tesoreira municipais informes sobre a concesión do aparcamento, e saber cales son os pagos realizados pola empresa, o grao de cumprimento dos pregos técnicos e administrativos da concesión, os cobros que están pendentes e os requirimentos que fixo o Concello do Porriño á empresa concesionaria.
“O Concello do Porriño ten que adoptar de xeito inmediato as medidas necesarias para o bo cumprimento dos pregos. Existe un total descontrol na vixilancia deste contrato. O Goberno local non poder deixar de xestionar o seu patrimonio, debe velar polos intereses da cidadanía do Porriño e obrigar á empresa concesionaria que cumpra todos os pregos e condicións do servizo”.