Sábado, 3 Maio de 2025

O Porriño renova o alumeado público da Avenida Domingo

O Concello do Porriño procederá á renovación do alumeado público na céntrica Avenida Domingo Bueno, dende A Pontenova ata o cruce con Antonio Palacios.

A actuación require unha inversión de 39.856 euros, dos cales preto de 30.000 euros financiaranse cunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia, e os restantes con fondos propios.

“Serán 97 as lámpadas que se cambiarán ao longo dos 600 metros de vial”, explicou o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, “As actuais luminarias de vapor de mercurio substituiranse por unhas máis actuais con tecnoloxía LED”.

Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo explicou que “esta actuación incrementará a eficiencia enerxética da instalación, reducindo así a emisión de gases de efectos invernadoiro, ademais de supoñer un importante aforro en mantemento e costes e reducir a contaminación lumínica”.

O rexedor insistiu en que ademais do menor impacto ambiental que terá este novo alumeado “mellorarase notablemente a calidade da iluminación, e polo tanto, a seguridade de vehículos e peóns”.