Sábado, 3 Maio de 2025

O Porriño oferta un curso de monitor de tempo libre homologado

O Concello do Porriño, en colaboración coa ETL Avada Sociedade Cooperativa Galega, pon en marcha o Curso Homologado de Monitor de Tempo Libre. Os contidos do curso impartiranse seguindo unha formación mixta que combina a docencia presencial e en liña. Trátase dun curso de 200 horas cunha fase de prácticas de 150 horas a realizar unha vez rematada a parte teórica.

O prezo é de 250 euros en réxime xeral, de 225 € para as persoas que dispoñan do carné Xove e de 200 euros para as empadroadas no Porriño.

O alumnado que remate o curso obterá o título oficial de Monitor de Actividades de Tempo libre e estará formado sobre como dirixir grupos de persoas menores ou maiores e dinamizar, coidar entreter e sobre todo educar mediante as súas accións.

Este curso é requisito imprescindible para traballar en campamentos, conciliacións, granxas escola, ludotecas, parques de aventuras, obradoiros, extraescolares, centros socioculturais ou establecementos turísticos, entre outros.  

Desde hoxe ata o próximo 21 de abril poderanse realizar as inscricións a través da seguinte ligazón: www.avada.gal/etl/matl/porrino/. Darase prioridade ás persoas empadroadas no Porriño.