Sábado, 8 Febreiro de 2025

O Porriño leva retirados preto dun cento de niños de velutinas dende xuño

No que vai de verán, retiraronse no Porriño perto dun centenar de niños de velutinas tanto no centro urbano como nas diferentes parroquias do termo municipal en coincidencia coa época estival.

Na última actuación, polo de agora, persoal do ‘Grupo Etano’ e o concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Casal, retiraron o luns cinco niños de velutinas cuxa presenza foi advertida polos veciños.

Os niños retiráronse nos lugares de Cantoña, Pousadelas e Outeiro, na parroquia de Pontellas así como no barrio do Carracido. Estaban en árbores, nunha chimenea e no chan ao pé dun viñedo.

Segundo o grao de dificultade e altura tiveron que empregarse os tres sistemas que utilizan as brigadas é dicir pértiga, disparo con inxección de veleno ou queima nos casos máis sinxelos.

O concelleiro Sergio Casal explicou que están a atender semanalmente “unha media duzia de casos dende o 21 de xuño”.

Ponderou “a colaboración dos veciños que diariamente comunican a presenza de niños de velutinas, a través do teléfono do Concello (986 335 000) ou ben en persoa, unha cooperación que lles agradecemos”, rematou o concelleiro.