Sábado, 3 Maio de 2025

O Porriño impulsa a recuperación da Memoria Histórica

O Porriño desenvolverá, esta fin de semana, distintos actos no marco da recuperación da Memoria Histórica, iniciativa que está poñer en marcha a Concellería de Cultura dirixida pola nacionalista Cami Moreira. Os actos previstos son, “un punto de partida” cara a outros proxectos dirixidos á recuperación da memoria histórica, como será a realización dun documento sonoro que recolla a narración das persoas que viviron a dura represión franquista.

O primeiro dos actos terá lugar este vindeiro sábado, 17 de abril, e será a proxección de As silenciadas, documental histórico que recupera historias de vida de numerosas mulleres que estiveron na clandestinidade ou apoiaron desde a chaira o movemento guerrilleiro.

O domingo 18, na praza de Antonio Palacios, terá lugar unha lectura de diversos fragmentos dos libros Un cesto de mazás de Montse Fajardo, Non des a esquecemento de Luis Bará e O Porriño 1936 de Xosé Ramón Paz Antón. As lecturas, acompañadas de música de acordeóns, serán realizadas por persoas vinculadas á memoria do Porriño e da contorna, baixo o lema Non deixemos a memoria soterrada nas foxas.

A recuperación, posta en valor e difusión da historia do noso país, a aplicación da Lei de Memoria Histórica co recoñecemento público ás porriñesas e porriñeses que pagaron coa represión e a morte a súa defensa dos valores democráticos son valores defendidos pola Concellería de Cultura que dirixe Cami Moreira; así como apoiar e impulsar todas aquelas actividades que contribúan a dar luz e divulgar aspectos do noso devir histórico.

Entre os actos programados para este mes de abril estará tamén a conmemoración do 25 de Abril, data da Revolución dos Caraveis de Portugal.