Sábado, 22 Marzo de 2025

O Porriño establecerá unha «folla de ruta» coas demandas veciñais en materia de vías e obras e infraestruturas

O goberno municipal do Concello do Porriño establecerá unha folla de ruta coas demandas expostas polas AA.VV. de todas as parroquias da vila en materia de mantemento de viais e conexión ca rede de saneamento. Representantes de todas as parroquias do Concello acudiron e expuseron as súas demandas e necesidades na reunión celebrada onte á noite.

A convocatoria, que partía da iniciativa da Concellería de Vías e Obras, era a primeira destas características na historia recente do Concello do Porriño. “Trátase de establecer unha folla de ruta para acometer as necesidades demandadas e manter unha canle de interlocución permanente entre o Concello e o movemento asociativo vecinal”, manifestou Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras. Na reunión participaron tamén Pedro Pereira, concelleiro de Infraestructuras; Rafa Alonso, enxeñeiro municipal; Alba Rodríguez, arquitecta municipal e Miguel Feijóo, encargado municipal de Obras.

A concelleira explicou que os traballos de reparación de baches, mantemento e reasfaltado de viais así como de conexión coa rede de saneamento realizaránse de xeito escalonado o longo do presente mandato, tanto con medios propios do Concello como coa achega do Plan Concellos da Deputación”.

Para afrontar os traballos con medios propios, o Concello do Porriño vai contratar en breve 6 peóns para reforzar a brigada municipal de Vías e Obras.

Lourdes Moure explicou que esta reunión con todas as asociacións de veciños do concello “era un compromiso que tiñamos adquirido coas parroquias para celebrar a primeros deste ano e que nos servirá para priorizar as actuacións que palien as múltiples deficiencias que arrastra O Porriño, algunhas desde a época de Barros”.