Martes, 13 Maio de 2025

O Porriño apoia á mocidade no reto de conseguir o seu primeiro emprego

Porremprego acolleu hoxe as xornadas informativas sobre os programas que facilitan a inserción laboral da mocidade organizadas pola concellería de Emprego e Formación.

Máis de trinta mozos e mozas recibiron asesoramento sobre os programas Xuventude Mentoring, Garantía Xuvenil, Nó Rural, Xuventude Crea,  mentoring de SERVEO Industria e Citic Censa da man de catro relatoras especializadas en programas de inserción. Teresa Bernal, Subdirectora Xeral de Programas para a Xuventude da Xunta de Galicia, Carmen Miranda, responsable de selección e desenvolvemento de SERVEO Industria, Iria Castellanos, Titora do programa Xuventude Mentoring CIXUG (Consorcio Interuniversitario de Xestión Universitaria de Galicia) e Ana Alonso, mentora do Programa Xuventude Mentoring e Vice Directora de CITIC HIC Gándara Censa explicaron aos asistentes as diferentes ferramentas das que dispoñen para facilitar o acceso ao mundo laboral.

“Estas xornadas foron un lugar de encontro entre a mocidade que rematou os seus estudos e busca traballo e expertos en mentoring que lles explicaron polo miúdo os programas dos que dispoñen para axudalos”, explicou a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas.

Pola súa  banda, o alcalde Alejandro Lorenzo agradeceu ás poñentes a súa intervención que “seguro será de gran utilidade para estes mozos e mozas que enfrentan o reto de atopar emprego”, e aos participantes desexoulles “que vivan esta etapa , clave na súa carreira profesional, con motivación e ilusión aproveitando as oportunidades que se lles presenten”, reiterando que “neste proceso poden contar co apoio do Concello que, a través de Porremprego, pon á súa disposición orientadores e persoal que lles axudarán e guiarán”.