Venres, 9 Maio de 2025

O Pleno do Porriño aproba unha iniciativa do BNG para mellorar o aparcadoiro público da rúa Leandro Diz

O Pleno do Concello do Porriño vén de aprobar unha moción presentada polo BNG na que a forza nacionalista instaba ao Goberno local a dotar unha partida orzamentaria para executar de forma urxente as obras de pavimentación en asfalto e sinalización de prazas no aparcadoiro da rúa Leandro Diz, amais instalación dunha rede de iluminación que garanta a seguridade na zona e a construción dun pozo de recollida das augas pluviais.

O Concello do Porriño formalizou, despois dunha negociación iniciada xa polo anterior goberno municipal, contratos de arrendamento de varias fincas na rúa Leandro Diz, para destinalas a aparcadoiro de vehículos ou outros usos de interese público.

Estes terreos de terra carecen a día de hoxe dun pavimento regular, dunha iluminación axeitada e en gran parte dos mesmos prodúcese unha acumulación de auga que impide o uso para o que foron arrendados.