Mércores, 7 Maio de 2025

O escritor Diego Giráldez exporá os seus collages no Festival de Cans

O vindeiro sábado 13 de maio, o escritor Diego Giráldez inaugura a exposición “Colaxe #catástrofe” durante a festa de apertura do XX aniversario do Festival de Cans. A inauguración terá lugar ás 20:00 horas, no salón do Círculo Recreativo Cultural do Porriño, e a mostra prolongaráse ata o 31 de maio.

É a primeira vez que Giráldez expón os seus collages, unha técnica que practica dende a mocidade -cando estudaba Historia da Arte en Compostela-  e que retomou hai un par de anos, segundo explica, “con menos sentido do ridículo e máis actitude”. A mostra, que arranca cun texto que a escritora Emma Pedreira lle dedica aos collages do autor porriñés, componse de 13 obras nas que predominan a figura feminina, “moi cinematográfica”, e incluso unha  homenaxe ao cine de catástrofes dos anos 70 (Terremoto, Aeroporto, O coloso en chamas,…).

Diego Giráldez

“Fago collage para evitar facer cousas peores”, comenta Giráldez. “Cando estou coas tesoiras na man, apropiándome de imaxes que non son miñas para darlle un novo uso e tratalas como me peta, síntome profundamente ben”, sinala. “Por iso, cando Alfonso Pato me propuxo expoñelos, o primeiro que pensei foi: descubríronme. E dixen que si”, remata o autor de “O meu sangue”.  

Os collages estarán expostos e á venda ata o 31 de maio. 

Eladio Santos e Valèrie Massadian

Xusto despois da inauguración, ás 21:00 h, no propio Círculo haberá un concerto de Eladio Santos que, acompañado de Andrés Cunha, presentará o seu novo proxecto “Ronsel” no que fai unha revisión do seu repertorio e versión de clásicos.

A xornada arranca no Centro Cultural Municipal, ás 18:00 horas, coa proxección da longametraxe “Milla”, da directora e guionista francesa Valèrie Massadian.