Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello do Porriño organiza sesións de contacontos en inglés nos colexios para impulsar a inmersión lingüística

A Concellería de Educación do Concello do Porriño e a OMIX desenvolven un programa de contacontos en inglés dirixidos a nenos e nenas dos colexios porriñeses. A actividade comezou onte martes no CPR Hermanos Quiroga e hoxe continuou no CEIP de Atios ata onde se trasladou Lourdes Moure, concelleira de Educación para comprobar o desenvolvemento da sesión na que participaban 22 alumnos e alumnas de 4º curso de Educación Primaria.

O obxectivo deste programa denominado ‘Contacontos en Inglés no cole’, é ofrecer aos máis pequenos unha actividade en inglés de calidade, pensada por e para os nenos, co fin de impulsar o seu interese e a súa curiosidade cara ao inglés dunha forma lúdica e divertida axudando.

Trátase de impulsar a inmersión lingüística desde cativos e a estimulación precoz, a través de contacontos perfectamente guionizados e teatralizados e desenvolvidos integramente en inglés, en sesións de 30 minutos aproximadamente.

Para realizalos o Concello conta coa colaboración da empresa Kids&Us que conta cunha experiencia de máis de 15 anos. As sesións de contacontos continuarán despois das vacacións de Semana Santa e rematarán o 9 de abril no CEIP Cruz Budiño participando, en total, 157 alumnos e alumnas dos centros escolares do municipio.