Domingo, 4 Maio de 2025

O cine volve ás parroquias do Porriño

O Festival de Cans e o Concello do Porriño apostan un ano máis por Cinemaldea, unha iniciativa que achegará ás zonas rurais do municipio unha selección das curtametraxes premiadas na última quenda do certame.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, Alfonso Pato, impulsor do Festival de Cans e Keka Losada, presidenta de Arela, acompañados por unha representación das asociacións culturais e veciñais participantes, presentaron hoxe a terceira edición desta iniciativa conxunta. É o terceiro ano consecutivo que se pon en marcha esta idea que busca achegar o cine e as novas e novos creadores ás parroquias, que habitualmente non teñen acceso ao cinema.

“Cinemaldea é para nós unha parte moi importante do Festival porque O Porriño, por desgracia non ten cinema e esta é unha forma de achegar o cine ás aldeas”, explicou Keka Losada, “Vemos que anos tras ano os nosos veciños e veciñas involúcranse máis tanto non só nos días do Festival senón que tamén responden máis a Cinemaldea enchendo as salas dos centros culturais durante as proxeccións. E tamén é unha forma de ampliar público e achegar o cinema galego a máis xente”.

O Concello do Porriño convidou de novo a todas as asociacións que o desexasen, a formar parte desta terceira edición. En total foron sete as asociacións culturais e veciñais do Concello do Porriño que se sumaron:  A Lagoa de Orbenlle, Os Penediños de Atios, Cultural de Pontellas, As Mimosas de Carracido, San Xurxo de Mosende, San Salvador de Torneiros e AC Cans.

Alfonso Pato explicou que, ademais do documental da XX Edición do Festival de Cans “22 Cans” de Javier Sobrado e Cris Padín, proxectaranse tamén os filmes máis premiados en Cans: “Mariví, na pel da memoria” de Coral Piñeiro e Laura Piñeiro (Premio do Xurado á mellor curtametraxe de Non Ficción/Furacáns”), “Sandwich Cat” de David Fidalgo (Premio do Público á mellor curtametraxe de Ficción e animación) e “Alicia fai cousas” de Ángel Santos (Premio Estrella Galicia do xurado á mellor curtametraxe de Ficción, Premio Crea do Xurdo á mellor Dirección, Premio AGAG do xurado ao Mellor Guión para Pablo García Canda e Ángel Santos, Premio AISGE do xurado á Mellor Interpretación Feminina para Alicia Armenteros).

Pola súa banda, o alcalde convidou a todo o mundo a achegarse aos diferentes centros culturais a disfrutar destas proxeccións e incidiu en que “tratáse de facer máis accesible o cine galego,ademais de consolidar unha programación de cine ao longo do ano que trascenda ás datas en que se celebra o certame”. Lorenzo lamentou tamén que non exista no Porriño un cinema pero apuntou “que iso é algo que dende o Concello temos presente e queremos que cambie canto antes, que a xente do Porriño poida disfrutar na súa vila dunha sala de cine”.

As proxeccións arrancarán o domingo 5 de novembro e continuarán durante as fins de semana ata o 3 de decembro.

Todas as proxeccións serán de acceso gratuíto ata completar aforo e as sesións terán unha duración aproximada de 73 minutos.

Proxeccións

  • Asociación Cultural A Lagoa de Orbenlle:
    Domingo 5 de novembro, ás 18 h
  • Asociación Cultural Os Penediños de Atios:
    Sábado 11 de novembro, ás 18 h
  • Asociación Cultural de Pontellas:
    Domingo 12 de novembro, ás 18 h
  • Asociación Cultural e Veciñal As Mimosas de Carracido
    Sábado 18 de novembro, ás 20:30 h
  • Asociación Cultural San Xurxo de Mosende:
    Domingo 19 de novembro, ás 18 h
  • Asociación de Veciños San Salvador de Torneiros
    Domingo 26 de novembro, ás 17 h
  • Asociación Cultural de Cans:
    Domingo 3 de decembro, ás 17 h