Sábado, 3 Maio de 2025

O BNG do Porriño reclama un proxecto ambicioso para o Campo da Feira

O proxecto no que estaba a traballar Pedro Pereira, antes de ser cesado no goberno, inclúe soterrar o tráfico rodado nun tramo da rúa Domingo Bueno para gañar máis espazo público en superficie e poder localizar alí un novo auditorio municipal con aparcamento público subterráneo. “Daríamos continuidade á zona peonil en San Bieito e San Sebastián e dotariámonos do tan arelado auditorio. Existe un anteproxecto encargado por min no que se informa que sería tecnicamente posible”, indicou o portavoz do BNG.

Pereira afirma que o orzamento necesario para esta obra non sería desorbitado, “o Concello tería que facer un esforzo económico e contar coa colaboración das distintas administracións. Unha inversión asumible coa que seguir transformando o centro urbano, mellorando a mobilidade e gañando máis espazo público para a xente”.

Desde o Bloque entenden que unha intervención destas características requiría convocar, dentro das premisas citadas, un concurso de ideas no que profesionais do sector acheguen distintas solucións técnicas para executar o proxecto. “A actuación que Alejandro Lorenzo vén de anunciar para o Campo da Feira da man da Xunta parécenos pouco ambiciosa. Un lavado de cara necesario pero que non dá solución ás necesidades do Porriño do futuro”, declarou Pedro Pereira.

Espazo verde en Pío XII e ampliación das rúas peonís

Entenden que a remodelación do Campo da Feira tense que complementar gañando arboredo noutro lugar do centro urbano. A proposta contempla unha zona verde situada entre as rúas Antonio Palacios e Pío XII, abrindo unha nova praza pública no corazón do Porriño, na contorna do Centro Social. “Unha actuación necesaria e perfectamente realizable, xa que falamos de rueiro municipal e terreos en gran parte propiedade do Concello, nun lugar contemplado xa como zona verde no PXOM”, sinalou Pereira.

Esta actuación faría tamén peonís, ademais da propia rúa Pío XII, o tramo da rúa Manuel Rodríguez, hoxe aberto ao tráfico, e a rúa Xogo da Ola, conectando as dúas zonas peonís hoxe existentes. Habilitaríanse viais para o reparto de mercadorías, servizos de emerxencias e acceso a vivendas das persoas residentes.