Sábado, 3 Maio de 2025

“Merca na rúa” celébrase esta fin de semana no Porriño

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Comercio, Antía Carrera, e a presidenta da Asociación de Comerciantes do Porriño, Juana Pérez, presentaron hoxe a XXVII edición da feira de oportunidades “Merca na rúa” organizada por Acipor e o Concello do Porriño.

O evento celebrarase esta fin de semana, o sábado 18 e o domingo 19. Instalaranse 24 postos de venta na rúa peonil, cunha ampla representación de sectores e produtos. Calzado, roupa, óptica, moda infantil, mercería ou accesorios serán algúns dos artigos nos que se poderán conseguir descontos de ata o 80 %.

“Son como sempre descontos moi importantes, xa que se trata de facer espacio nos almacéns de cara a nova tempada”, explicou a presidenta de Acipor, “Ademais, como cada ano, haberá actividades lúdicas para os nenos”.

Completan a programación inchables para os/as máis pequenos/as as dúas xornadas, un concerto na praza Arquitecto Antonio Palacios a cargo das alumnas da escola Pianagrama (o domingo a partir 19 h), e obradoiros de “Sombras e luces” e “Acuarela” da man de Hypatia que se desenvolverán o sábado.

O rexedor quixo convidar “á veciñanza do Porriño e da contorna a visitarnos, a disfrutar da nosa vila e aproveitar as importantes ofertas que se atoparán”.

A feira estará aberta ao público en horario ininterrumpido de 10  a 21 h o sábado e o domingo de 11 a 20 h.