10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoLiberada unha muller que foi retida 6 días nun piso do Porriño

    Liberada unha muller que foi retida 6 días nun piso do Porriño

    A vítima alertou da súa situación lanzando notas manuscritas pola ventá mentres o home durmía

    Axentes da Policía Local do Porriño e do posto principal da Garda Civil do Porriño liberaron onte a muller que levaba retida contra a súa vontade seis días nunha céntrica vivenda do Porriño e detiveron ao presunto responsable dos feitos, M.F.R de 26 anos de idade e veciño da vila, por senllos delitos de Detención ilegal e Agresión sexual e lesións.

    Os feitos aconteceron onte, luns 25 de xullo, ás 6:34 h, cando a Policía Local recibe aviso a través do 112 de que unha muller enviara dúas notas manuscritas en papel por unha fiestra alertando de que se atopaba retida en contra da súa vontade nunha vivenda e pedindo axuda. Unha veciña atopou unha das notas, na que facilitaba datos do presunto autor e a dirección de onde se atopaba, e o puxo en coñecemento do 112 .

    De inmediato desprazáronse ao lugar seis axentes da Policía Local e unha patrulla da Garda Civil e, tras realizar as primeiras pescudas, comprobaron que a dirección e os datos facilitados pola vítima,  coincidían cos dun varón que se atopaba en busca e captura por diversos xulgados da provincia e sobre o que pesaba tamén unha orde de ingreso en prisión. Este home, protagonizou supostamente un episodio similar nun concello limítrofe, sen  poder ser detido.

    Cabe destacar que a familia da vítima denunciou a súa desaparición tras levar días sen ter coñecemento do seu paradoiro.  

    Ante tales feitos, os axentes optan por tocar o timbre sen obter resposta pero muller xa tiña feito constar que se o suposto agresor se percataba da presencia da Policía a mataría, e ante a posible comisión dun delito flagrante, optaron por tirar a porta pola forza utilizando un ariete.

    Ao acceder á vivenda, os axentes atopáronse co home durmindo na cama e a vítima aterrorizada e en estado de nerviosismo. De inmediato e sen darlle tempo a reaccionar procederon á súa detención.

    A moza, que presentaba diversos hematomas no corpo -según manifestou ela- producidos polo agresor co fin de manter relacións sexuais,  relatou aos axentes que levaba dende o día 19 de xullo encerrada na vivenda, sen que se lle deixara comunicarse con ninguén do exterior.

    A vítima foi trasladada pola ambulancia do 061,acompañada en todo momento por unha axente da Policía Local do Porriño, ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde se iniciou o protocolo de agresións sexuais, sendo recoñecida pola médico forense. Posteriormente, formulou a correspondente denuncia por todo o acontecido.

    O home foi detido e posto a disposición xudicial como presunto autor dos delitos anteriormente mencionados cuxas penas oscilan entre os 15 e 20 anos de prisión.

    O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Seguridade, Abel Estévez, felicitaron aos axentes que interviñeron por “actuar coa determinación necesaria e sen demoras cando diso dependía evitar un dano grave e irreparable á muller, rexíndose polos principios de oportunidade, congruencia, e proporcionalidade no uso dos medios ao seu alcance para lograr a pronta liberación da moza”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.