Venres, 2 Maio de 2025

Diego Giráldez presenta o venres ‘Hotel para coleccionistas discretos’ no Círculo do Porriño

O venres 22 de marzo, ás 20:30 h, o escritor porriñés Diego Giráldez presentará a súa novela ‘Hotel para coleccionistas discretos’ no Círculo Recreativo Cultural do Porriño. No evento, aberto ao público, participarán xunto ao autor a presidenta do Círculo, María José Giráldez; a escritora Inma López Silva e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro. Giráldez contará tamén coa participación do pianista Alejo Amoedo, que adaptou a piano para a ocasión un tema do músico arxentino Astor Piazzola, que aparece mencionado na novela.

Diego Giraldez salientou que “presentar no Porriño e compartir o lanzamento do libro con xente á que aprezas dá unha sensación poderosa de satisfacción” e agardaba atoparse, mañá venres, “con toda esa xente que sempre me demostrou respecto e agarimo. Presentar no Porriño trae sorte”, comenta.

‘Hotel para coleccionistas discretos’ é unha novela curta con múltiples lecturas e chea de personaxes na que, a través da vida da empresaria Amalia Valverde, se destripa, retorcendo a realidade, a forma de actuar dun grupo de poder bastante particular. A novela xa se pode atopar nas librerías do Porriño e de toda Galicia.