Sábado, 3 Maio de 2025

Diego Giráldez presenta a súa nova novela no barrio de San Benito do Porriño

O acto será ás 20:00 h e estará acompañado dos xornalistas María Díaz e Alfonso Pato

Hoxe venres, Diego Giráldez presenta o seu novo libro no barrio de San Benito do Porriño acompañado da xornalista de Radiovigo-Cadena SER María Díaz e o tamén xornalista e director do Festival de Cans Alfonso Pato. Para o evento, o escritor porriñés conta ademais coa colaboración da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián.

A partir das 20:00 horas, diante da capela, os tres conversarán sobre a nova novela do autor que leva por título “O meu sangue” e que está publicada pola Editorial Galaxia. Para o autor, “presentar este libro no meu barrio trae moitas emocións. A este lugar, agora verde e paseable, están vinculadas algunhas das persoas que máis quero e nas que me fixo a diario para seguir en marcha”. Ademais, engade, “levamos tres anos escuros, practicamente perdidos, que, dalgún xeito, temos que recuperar. Para min, a presentación desta novela é como encher de novo os pulmóns de aire. Presento un libro como quen vai de novo a unha verbena. Igual ata poño música para, por fin, bailar”.

Escrita cun marcado estilo persoal, “O meu sangue” mergullará ás  lectoras e lectores nunha intriga que arrastra ao particular descenso  aos infernos do protagonista e a unha defensa irracional do que nos fai máis felices: os seres e os lugares queridos.

Diego Giráldez (O Porriño, 1976)

Exerceu o xornalismo en distintos  medios escritos e dixitais. Ademais de coordinar varias cabeceiras,  colaborou como columnista de opinión nos xornais A Nosa Terra e Xornal  de Galicia e, a través de reportaxes culturais, con El País. Na  actualidade, faino co diario dixital Praza Pública e a revista Luzes.  Fundou e dirixiu as revistas Malladoura e CanZine e escribiu libros  relacionados coa arquitectura e a historia económica de Galicia.

En 2016 publicou o libro de relatos curtos “Galería de saldos”, o seu  primeiro traballo de narrativa, polo que foi elixido “Autor galego do  ano” pola revista Fervenzas Literarias. En 2019 publicou en Editorial  Galaxia a novela “Hotel para coleccionistas discretos” e participou nas obras colectivas “O libro dos trens” e “A secreta melancolía da garza”  (Galaxia, 2019).

Entre os galardóns que recibiu destacan o Premio Literario José Saramago  de relato curto (2010), o primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo (2015) e o Premio Literario  Manuel Murguía (2016). En 2020 quedou finalista do XVII Premio de  Xornalismo Francisco Fernández del Riego.