Sábado, 3 Maio de 2025

Comezan as xornadas “Acompañando na aventura de crecer” no Porriño

Esta semana comezan no centro cultural as xornadas para familias e profesionais “Acompañando na aventura de crecer”, impulsada polas Concellerías de Cultura e Igualdade do Porriño a través da Biblioteca Municipal.

Esta segunda edición ten como novidade os obradoiros prácticos que se desenvolverán antes de cada conferencia, nos que se darán ferramentas útiles para aplicar cada día coa conciencia e o propósito de favorecer un bo desenvolvemento infantil.

O primeiro deles será hoxe venres, a partir das 16 h, e tratará a comunicación no conflito. O conflito é unha realidade en calquera relación, familiar, educativa… e pode levarnos a un muro separador ou pode tamén ser unha oportunidade para a transformación e o crecemento. Neste obradoiro, dirixido a nais, pais e profesionais do ámbito educativo e da saúde, aprenderemos as claves emocionais e comunicativas necesarias necesarias para aprender a manexar conflitos e convertelos nunha oportunidade

A partir das 19 h dará comezo a conferencia “Por que lle doe a tripa”, na que a psicóloga Gloria González, dará as claves para entender o comportamento dos nenos.

Dirixida tamén a nais, pais e profesionais do ámbito da sáude e da educación, na charla desenvolveranse as claves para entender o que nos están expresando os pequenos e co seu comportamento e como podemos abordar, dunha maneira máis adecuada, as necesidades que están a manifestar. Gloria González, é psicóloga sanitaria, formadora e psicoterapeuta Clínico EMDR por EMDR Europa. É experta en desenvolvemento, apego e trauma. Tamén é coautora do libro El desafío de crecer (Aurum Volatile, 2020) xunto con Iñaki Pastor e Lucila To.