Sábado, 3 Maio de 2025

Chega a exposición “Arquitectura, debuxo e tinta” a O Porriño

Baixo o título “Arquitectura, debuxo e tinta”, o próximo venres 3 de marzo, ás 19 h, inaugúrase no Centro Cultural do Porriño unha exposición de debuxo do artista porriñés David Pérez Rego “Cato”.

A través de trinta debuxos orixinais realizados con estilógrafo, nesta mostra ofrécese unha visión do patrimonio arquitectónico porriñés e da contorna realizados por este debuxante, escritor e bibliotecario do Porriño , que xa ten participado anteriormente en diversos proxectos culturais, tanto persoais como colectivos.

O traballo artístico de David caracterízase por reproducir ao detalle arquitecturas do patrimonio galego con estilógrafo, en tinta negra, empregando unha técnica de punteado e raiado minucioso que lle permite obter láminas de gran realismo. Para cada debuxo, composto de milleiros de pequenos trazos, emprega ducias de horas de observación, análise e traballo preciso, conseguindo reproducir en papel obras salientables da arquitectura galega.

A exposición estará aberta ao público durante todo o mes de marzo.