12 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoArtistas de «O Porriño ARTE» pintan ao aire libre na contorna da...

    Artistas de «O Porriño ARTE» pintan ao aire libre na contorna da Casa do Concello

    Dende o Concello convidarán aos colectivos culturais e veciñais a realizar mostras das súas actividades nas prazas e nas rúas do centro para visibilizar o traballo das asociacións do municipio

    No Porriño a cultura sae á rúa. Co fin de potenciar o tecido cultural do municipio a praza Arquitecto Antonio Palacios servirá de escenario para mostrar e poñer en valor as actividades que desenvolven os diferentes colectivos.

    “Queremos que o traballo das nosas asociacións culturais e veciñais teña un maior protagonismo”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “A praza é un lugar céntrico polo que cada día pasa moita xente e que poidan admirar os traballos que fan conseguirá atraer a máis persoas. A cultura non é excluínte e no Porriño non debe selo tampouco, a nosa intención é que a totalidade da actividade que se desenvolve nos diferentes centros culturais se coñeza e sexa accesible”.

    Para iso, dende o Concello convidarán aos colectivos veciñais e culturais a realizar a súa actividade ao aire libre no centro urbano. Os primeiros deles foron os artistas da asociación O Porriño ARTE, que armados cos seus lenzos e pinceis protagonizaron unha xornada de pintura ao aire libre a pasada semana.

    A asociación xa leva 17 anos en activo e dende entón son moitos os porriñeses e porriñesas que comezan a aí súa andadura no mundo da pintura. Neste momento son arredor de 20 as persoas que aprenden debuxo, pintura e escultura da man da pintora local, Nuria Vilanova.

    Durante todo o curso dan as súas clases no centro cívico e, unha vez ao ano, expoñen os seus traballos para que todos poidamos gozar deles.

    Pintar na praza do Concello foi unha experiencia nova para eles que resultou “maravillosa”. “Estivemos encantados, foi unha bonita experiencia para todos”, explicou Nuria Vilanova, “Puideron pintar con luz natural que é moi diferente á do estudio e non se sentiron intimidados pola xente en absoluto, ao contrario, achegouse moita xente para interesarse polo seu traballo e resultou moi gratificante”.

    Cabe destacar, que serán máis as actividades que se disfrutarán na praza. “Todas as que se desenvolven nos centros culturais e asociacións teñen cabida”, concluíu o edil de Cultura e Asociacións, Bienvenido Estévez, “Temos unha actividade cultural moi rica e queremos que crear esa sinerxia non só coa cidadanía, senón tamén entre as diferentes asociacións para poñer en valor todo o que somos e facemos no Porriño”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.