O Concello do Porriño está a realizar unha sondaxe entre empresas e autónomos porriñeses para coñecer as súas demandas de axuda para reiniciar a a súa actividade económica “e polo tanto para axudarnos a definir que tipo de axudas pode prestar a administración municipal dentro das súas competencias”, explica David Alonso, concelleiro responsable de Emprego.
Persoal de ‘Porremprego’, organismo que depende do Concello porriñés, realizan a dende este luns, as enquisas mediante chamadas telefónicas “co fin de reunir información sobre o estado, as perspectivas e as necesidades das empresas e autónomos do Porriño ante a actual crise”.
“Con isto o que pretendemos é que as medidas que poida adoptar o Concello para reactivar a economía local sexan dirixidas a resolver as necesidades que nos manifestan empresas e autónomos do Porriño”, engadiu David Alonso.

Eliminación de franxas horarias
Toda a poboación do Porriño beneficiarase da plena mobilidade sen franxas horarias coa nova orde do Goberno que retira as limitacións para os núcleos de menos de 10.000 habitantes, segundo anunciou onte o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
Coa entrada en vigor desta nova instrución, a mobilidade sen franxas horarias chegará tamén ao centro da vila é á parroquia do Porriño que ten unha poboación de 9.057 habitantes. O centro da vila quedara ao marxe cando o pasado 8 de maio, elimináronse as franxas horarias para os habitantes de núcleos de menos de 5.000 persoas, medida que beneficiou a Torneiros, Atios, Pontellas, Budiño, Mosende, Chenlo e Cans, ademais do núcleo de Carracido.