O Concello do Porriño, a través da Concellería de Cultura, ofrece un novo servizo, o préstamo do piano de cola situado no vestíbulo do Centro Cultural Municipal, para ensaios de estudantes de música, opositores ou profesionais do campo musical.
Os interesados deberán acreditar:
- Un mínimo de estudos relacionados coa música, a través da presentación da matrícula nun conservatorio, academia ou centro especializado ou titulo pertinente
- Capacidade de manexo do instrumento a través dun vídeo ou enlace onde se mostre a experiencia no uso do piano (no caso de non poder acreditar mediante estudos).
Entre as condicións, a Concellería de Cultura, estableceu que terán preferencia as alumnas e alumnos da Escola Municipal de Música do Porriño, acreditándoo mediante a presentación da copia da matrícula, ou carta do seu profesor recomendando os ensaios co instrumento. Tamén terán prioridade as usuarias e usuarios menores de idade (ata 16 anos) que deberán acudir acompañadas dunha persoa adulta responsable.
O horario do centro para os ensaios será, de luns a venres, de mañá: de 10 a 12 hora, e de tarde: de 17 a 19 horas. O tempo máximo de duración do ensaio será de 2 horas por persoa. E poderán ensaiar un máximo de 3 persoas ao día.
As solicitudes faranse a través do correo electrónico [email protected] indicando en asunto: “solicitude de uso do piano”, anexando o formulario normalizado e a documentación acreditativa pertinente en cada caso.