Mércores, 13 Novembro de 2024

A concelleira de Seguridade do Porriño participou na primeira quenda de defensa persoal

Lourdes Moure, concelleira de Seguridade, participou como unha alumna máis, na primeira quenda dos cursos de defensa persoal feminina que retomou o Concello do Porriño despois da obrigada paralización en 2020, a consecuencia da pandemia.

Estes cursos, organizados polo Concello do Porriño coa colaboración do Ministerio de Igualdade, o Pacto de Estado contra a violencia de xénero e a Policía Local do Porriño, realízanse nas instalacións do Ximnasio Jovhen Sport, na avenida Buenos Aires, 18.

O departamento que dirixe a concelleira Lourdes Moure convidou a todas as mulleres interesadas, sen límite de idade, que queiran recibir esta formación, que será totalmente gratuíta e non é necesario rexistro previo. Hoxe foron 32 as participantes nesta primeira quenda, incluída a propia concelleira.

As clases distribuense en dúas quendas por mes, en sábados alternos e durante todo un ano.

Os monitores do curso, que contan coa colaboración de axentes da Policía Local, ensinan técnicas de fácil asimilación para repeler os ataques máis habituais contra as mulleres.

Tamén a diferenza da convocatoria de 2019, nesta ocasión, o curso de defensa persoal feminina está aberto a mulleres dos concellos veciños.