Imaxe de arquivo da presentación do Pinchoneno
Lourdes Moure, concelleira responsable de Educación e Seguridade do Concello do Porriño, anunciou que se decidiu trasladar á explanada do “Roxy” a carpa que acollerá o acto do “Pinchoneno” que, inicialmente, ía colocarse no parque do Cristo. A decisión adoptouse hoxe ao mediodía tras unha reunión da concelleira con Noelia de la Fuente, responsable da OMIX do Porriño, diversos técnicos municipais e Adrián Fragueiro, de “Doppler Xestión Cultural”, produtora que colabora na organización de “Pinchoneno”.
Tamén se decidiu ampliar o prazo de inscrición que deberá realizarse por correo electrónico no enderezo [email protected] e, en todo caso, ata o mesmo sábado, ata completar o aforo previsto, para 200 nenos de 6 a 12 anos.
Na seguinte ligazón as persoas interesadas poden dispor e descargar o documento de inscrición.
O Pinchoneno
O Pinchoneno é a versión infantil do Pinchorriño, con pinchos axeitados, e ao mesmo tempo celébrase coincidindo coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos da Infancia. Contará cunha gran variedade de actividades recreativas. A xornada está organizada pola Concellería de Educación e a Omix de Porriño e desenvolverase entre as 17:00 e as 22:00 horas.
Durante toda a tarde, a rapazada poderá gozar dun catering saudable e continuado ata as 21:00 horas e terán a oportunidade de asistir a diferentes actividades como un obradoiro para aprender a facer pizzas e granizados, unha zona “Just dance” e unha de entretemento dixital espacial. Ademais, a música non podía faltar nesta cita infantil. Coa charla “Isto é pop!” os nenos poderán participar nun faladoiro con Javier Becerra e Carolina Rubirosa.
Tamén haberá unha charla inspiracional a cargo de Eme Dj coa ocasión de presentar o seu libro “Mamá quero ser Dj”. E ademais, o músico e actor Juan Manuel Montilla “El Langui”, gañador de dous premios Goya, participará nesta edición do Pinchoneno cunha charla motivadora xunto ao coñecido artista urbano galego Mon Devane, que fará unha mostra dos seus graffitis.