Domingo, 4 Maio de 2025

A aula UNED do Porriño a piques de abrir as súas portas

A aula UNED do Porriño xa é unha realidade e abrirá as súas portas nos próximos días. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o director do campus noroeste e centro asociado da UNED en Pontevedra, Víctor González,  asinaron o convenio para o inicio da actividade desta sede universitaria no municipio o presente curso 2022/2023. Convenio que foi ratificado esta mesma semana pola Xunta Rectora da Universidade Nacional de Educación a Distancia.

As novas instalacións da UNED no Porriño están ubicadas na primeira planta do Multiusos de Torneiros, aglutinando en seis aulas todas as actividades.

Dende que no ano 2017 se anunciara a posta en marcha desta sede universitaria no municipio, tras un acordo plenario unánime para solicitar a súa apertura, non se fixera realidade ao non aportar o Concello as instalacións requeridas.  No ano 2020 o goberno municipal, e tras un ano de abonar aluguer, afrontou un desembolso de máis de preto de 300.000 euros na adquisición dun local que requería unha dotación económica a maiores de 250.000 euros para acondicionalo, algo que non permitiu poñer en marcha a aula UNED ao non ser o lugar adecuado e que, a día de hoxe, permanece lóbrego.

Cabe destacar que a actual ubicación no Multicentro de Torneiros foi proposta en pleno por aquel entonces polo hoxe alcalde, Alejandro Lorenzo, e desestimada polo anterior goberno municipal alegando que a UNED non aprobaba esa ubicación. Hoxe é unha realidade.

“A apertura destas instalacións no Porriño non podía dilatarse máis tempo por falta de xestión, trátase de permitir á nosa veciñanza acceder á educación superior sen ter que saír do seu pobo e que poida ampliar a súa formación, coa flexibilidade que a universidade a distancia permite pero contando cun equipo importante de persoas que os acompañen no proceso formativo”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo. O rexedor puxo en valor a boa disposición “da UNED para a apertura da súa sede no Porriño” e tamén o traballo da concelleira de Educación, Carolina González, que “dende un principio priorizou esta xestión para que puidera estar en marcha este curso”.

Lorenzo reitera a súa aposta e a do seu equipo pola educación. “Se algo teño claro é que a nosa veciñanza debe contar coas mesmas opcións que a das grandes cidades e cunha oferta formativa de calidade en todas as etapas educativas, dende os máis pequenos aos maiores que queiran seguir formándose”, explicou, “Por iso non escatimarei xamais neste eido”.

Responde o rexedor con feitos ás informacións verquidas recentemente acusando ao goberno municipal de gastar en festas a partida da UNED. “Eu débome á veciñanza e non vou dar xogo xamais a acusacións infundadas e interesadas”, asegurou, “Os feitos falan por si mesmos e con feitos, sen alimentar polémicas e confrontacións, responderei aos meus veciños e veciñas”.

Cabe destacar que nos últimos anos a partida de educación da Aula UNED foi destinada a través de modificacións de crédito a festexos, e o proxecto quedou parado ata este ano. “Eu non vou malgastar nin un só euro de cuestións tan vitais como a educación ou atención social”, concluíu o rexedor, “A veciñanza ten que saber que o groso da partida de festas a destinamos a licitar servizos de vital importancia nos centros educativos, piscina municipal e limpeza xa que, traballamos cun orzamento de 2018, con partidas xenéricas e vinculadas que imos xestionando para dar resposta ás necesidades reais. En definitiva, cadramos as contas con xestión para salvar a falta de medios e responder ás necesidades da veciñanza do Porriño”.

Pola súa banda, a concelleira de Educación, Carolina González, destacou que “a apertura destas instalacións é un gran logro para O Porriño no ámbito educativo, xa que a nosa veciñanza dispoñerá no noso concello de todos os niveis para alcanzar unha formación plena sen necesidade de trasladarse a outros destinos. É unha gran oportunidade para as persoas que por diferentes motivos non puideran ir á universidade. Agora poderán facelo no seu pobo”. Nos próximos días farase pública a oferta educativa da Aula UNED do Porriño que ademais de cursos de formación e capacitación, servizos de titoría de grados ou biblioteca, contemplará o curso de acceso á universidade a maiores de 25 anos. Na súa páxina web colgarase a semana que vén a oferta formativa da Universidade a Distancia no Porriño.