11.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiXabier Díaz e Adufeiras e Arxe actúan no II Festival da Cultural...

    Xabier Díaz e Adufeiras e Arxe actúan no II Festival da Cultural Tradicional e Folk

    A praza de San Fernando e o Paseo da Corredoira serán os escenarios do II Festival da Cultural Tradicional e Folk que se celebra este venres, sábado, e domingo en Tui organizado pola Asociación Cultural San Telmo. Este evento abre a programación cultural do verán en Tui.

    Na presentación do festival participaron Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, de Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura, Ismael Diz, concelleiro de Medio Ambiente,  Conchi Sales e a Ana Mª Pereira Sousa da Asociación Cultural San Telmo, Marcos Campos e Alba Faro do grupo Arxe e Xabier Díaz.

    O alcalde, Enrique Cabaleiro,  reiteraba na presentación “as sinerxías que se teñen que producir para ter unha axenda cultural tan intensa coma ten o concello de Tui”. Para iso dicía que por unha parte está o interese da administración e por outra parte “as persoas que dedican parte da súa vida a promover as distintas manifestacións artísticas que hai no país”.

    Dicía Enrique Cabaleiro que “a programación cultural deste concello forma parte do noso ADN é un legado que recibimos e todos temos a obriga de manter, seguir defendendo e apostando por ela, en máis un concello que ten un marcado carácter transfronteirizo”. Engadía que estes eventos contribúen tamén á dar a coñecer o patrimonio tudense polo “entorno único” no que se celebran.

    A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, indicaba na presentación “esta é unha asociación do centro urbano de Tui “darlle os parabéns porque están levando a nosa cultura e a nosa tradición á cidade e a toda contorno” desexando que o público disfrute non só dos concertos senón tamén das nosas raíces que temos que ensinar e seguir fomentando”

    O festival comeza este venres ás 22 h na praza de San Fernando coa actuación do grupo Arxe, un grupo que se creou en 2018 mesturando a música de raíz coa música de autor facendo pezas que aglutinan a sabedoría popular, segundo hoxe explicaba Alba Faro. Este venres coma sinalou Marcos Campos presentarán os temas do seu primeiro disco “Arxe”, palabra que significa madeira e que é a materia prima de moitos dos instrumentos que empregan nas súas actuacións. No concerto poderemos escoitar composicións realizadas por membros do propio grupo xunto a outras da autoría de Ernesto Campos ou Pedro Lamas, e as recollidas da sabedoría popular.

    O sábado ás 19.30 h na praza de San Fernando celebrarase o VII Certame de Gaita e Tamboril. Un evento que explicaba Conchi Sales está consolidado  e que contará este ano con participantes da Guarda, Tomiño, Vigo, Ferrol, A Coruña, Ourense e Madrid.

    Ás 22.30 h será a quenda de Xabier Díaz e Adufeiras  presentando o seu traballo “As catedrais silenciadas”. Xabier Díaz afirmaba que “tocar no pórtico da Catedral é una regalo para calquera músico”, e lembraba coma para el “Tui é un lugar especial” porque de aquí era Álvarez Blázquez, un dos seus poetas de cabeceira, aquí en Paramos ofreceu un dos últimos concertos en xira con Berrogüeto, actuou dúas veces en Música no Claustro e unha no Teatro Municipal.

    Xa o domingo, ao longo da xornada,  na Corredoira haberá unha demostración de liño a cargo das integrantes da asociación  “A Insua” de Vilalba, e a partir das 19 h celebrarase o VII Día da Muiñeira coa participación do doce agrupacións. Serán as tudenses Alfándega da Asociación Cultural San Telmo, O Mosteiro de Pexegueiro, Santa Columba de Ribadelouro, e Saragana da Asociación do Traxe Tradicional, xunto a As Flores do Galiñeiro de Vincios-Gondomar; o Helios de Bembrive, Vigo; A Solaina de Moaña; Pais de San Roque de Cangas; Anaquiños de Chapela; Trompos ós Pés de Marín; Nosa Terra de Pereiras; Arroases  de Vigo. Desfilarán dende o edificio Francisco Sánchez até a Corredoira onde interpretarán muiñeiras e xotas enchendo de corido este céntrico paseo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.