Domingo, 4 Maio de 2025

Tui remata as obras de reforma do Conservatorio de Música

As obras permitiron o saneamento e pintado da fachada, renovación dos baños da primeira planta e substitución de todas as persianas.

Cun investimento de 56.686,19 € nos últimos días rematáronse as obras de Reforma das Instalacións do Conservatorio Profesional de Música de Tui, situado na Avenida da Concordia, obras executadas con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra.

Por unha banda actuouse nos baños da primeira planta do edificio cunha reforma integral coa colocación de pavimento de PVC, azulexado das paredes con elementos de mosaico e coa colocación de falsos teitos. Foron renovados todos os sanitarios e instaláronse cabinas en panel fenólico.

Por outra parte substituíronse todas as persianas existentes por unha novas en aluminio branco.

As obras executadas contemplaron tamén o saneamento e pintado das fachadas do edificio, reparación do recercado das ventás metálicas, e instalación de canalóns e baixantes para a recollida de pluviais nas partes onde carecía destes elementos.