O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, participa mañá venres, 24 de xuño, na cidade de Lucena na 60ª Asemblea Xeral da Red de Juderías de España – Camiños de Sefarad. Na mesma reuniranse os e as representantes das vinte e unha cidades que integran esta rede de municipios.
Entre os asuntos a debater na Asemblea destacan o informe de xestión do primeiro semestre de 2022, así coma as solicitudes de integración de novas cidades na Red de Juderías – Caminos de Sefarad, Na asemblea tamén se analizarán os retos que ten este colectivo de municipios para o período 2022-2015.
A cidade de Tui forma parte da Red de Juderias dende o ano 2019 en recoñecemento ao importante acervo patrimonial que conserva a nosa cidade relacionado coa presenza da comunidade xudía. Con esta integración preténdese promover o importante legado xudeu tudense que ten exemplos destacados como a colección de “Sambenitos” do Museo Diocesano que teñen un carácter único e excepcional. Isto xunto ás diversas testemuñas da presenza desta cultura na nosa cidade constitúen un importante recurso cultural e turístico que contribúe a diversificar a oferta turística centrada no turismo cultural.
A pertenza á Red de Juderias de España – Caminos de Sefarad é, para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, unha gran oportunidade para a nosa cidade pois abre novas posibilidades de promoción e de posicionamento de Tui e dos seus recursos culturais e turísticos.