O xoves, 8 de xuño, haberá unha visita guiada ao Arquivo Municipal de Tui, con motivo do Día Internacional dos Arquivos.
O Día Internacional dos Arquivos celébrase o 9 de xuño, data na que se conmemora a creación en 1948, auspiciada pola UNESCO, do Consello Internacional de Arquivos, unha organización internacional non gubernamental destinada a promover a xestión e uso eficientes dos documentos de arquivo, así como a preservación do patrimonio arquivístico da humanidade.
Este ano a Semana Internacional dos Arquivos 2023, #IAW2023, ten lugar entre o luns 5 e o venres 9 de xuño co tema da construción dunha comunidade global de #ArchivosUnidos (#ArchivesUnited).
O Arquivo Municipal de Tui súmase a esta celebración cunha visita guiada ás súas instalacións o xoves, 8 de xuño, ás 12 h, achegando á cidadanía o labor que se realiza dende este órgano da administración localm e dando a coñecer os fondos documentais que conserva. As persoas que desexen particpiar na visita deben inscribirse no correo [email protected].
No último ano o Arquivo Municipal de Tui ten continuado co seu labor de integración dos fondos documentais dos diversos servizos municipais, ao tempo que da resposta, nun prazo cada vez mais reducido, ás máis de cincocentas consultas producidas tanto dende a propia Administración Municipal como por cidadáns que reclaman o acceso á documentación. Nos últimos meses conta cun bolseiro financiado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Calquera cidadán pode solicitar a documentación que precisa, presentado en liña a solicitude, a través da sede electrónica ( https://concellotui.sedelectronica.gal/dossier.1) ou no apartado do arquivo na web municipal (https://tui.gal/gl/servizos/arquivo-municipal).
O Arquivo Municipal de Tui recolle documentos dende 1.597 ata a actualidade. Está composto por máis de 6.550 unidades de instalación cos instrumentos suficientes para o seu manexo e control, especialmente a base de datos do inventario descritivo formado por mais de 37.500 rexistros que detallan a nivel de expediente a maior parte dos fondos.