21.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTui«Tui é un amor. Namórate de Tui», campaña para promocionar a cidade...

    «Tui é un amor. Namórate de Tui», campaña para promocionar a cidade e o comercio local

    Un «banco do amor» e outros cinco elementos serán instalados na cidade, e 600 corazóns, parte deles con poemas de amor, decorarán os escaparates do comercio local

    ‘Tui é un amor. Namórate de Tui’ é o lema da campaña que hoxe mesmo se pon en marcha en Tui co gallo do Día dos Namorados. Trátase dunha iniciativa conxunta das concellerías de Comercio e de Turismo do Concello de Tui que conta coa colaboración do comercio local. O obxectivo é fomentar as compras no comercio local con motivo da celebración do Día dos Namorados. A campaña foi presentada este mediodía na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, xunto á concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez, e o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso.

    A campaña terá dous eixos, por unha banda a colocación de 600 corazóns nos escaparates do comercio local dos que 300 recolleran outros tantos poemas de autores galegos coma Rosalia de Castro, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Uxio Novoneira, Marga do Val ou  Emilio Alvarez Blazquez, xunto a 150 corazóns co lema da campaña ‘Tui é un amor. Namórate de Tui’ e outros 150 serán un corazón branco sobre fondo vermello. O outro eixo será a instalación de seis elementos decorativos, que están a ser realizados por persoal municipal con material reciclado, nos que destaca o Banco do Amor, e palabras coma ‘Amor’ ou ‘Love’ nas que poder fotografarse. Estarán instalados nas prazas de San Fernando e a Inmaculada, e as rúas Ourense e Compostela.

    Na presentación desta mañá o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou que “o lema da campaña Tui é un amor. Namórate de Tui, vai facer historia neste concello, porque nada máis literal para expresar o que é este concello e o que transmite aos que vivimos aquí e aos que nos visitan, que marchan namorados da cidade”. Unha campaña que conxuga a nosa cultura, que pon en valor aos autores galegos e que aposta pola economía circular nos elementos decorativos que van ser instalados.

    A concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez, explicou que a imaxe da campaña no comercio local será “un espectáculo de arte e cultura que causará nos viandantes unha sensación visual e emocional”. Avanzou que para a campaña recuperarase a xaula que estaba situada nos xardíns de Troncoso.

    O concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, destacou a transversalidade da campaña na que colaboran dous departamentos buscando a promoción da cidade e do comercio local. Desexou que o resultado sexa “exponencial”. Afirmaba que deste xeito realízase unha campaña en positivo na que se pon en valor o amor e os recursos locais.

    Premio para os fotografías con máis Me Gusta en redes sociais

    As persoas que realicen fotografías nos seis elementos decorativos, que ao longo dos próximos días serán instalados nas rúas tudenses, e as etiqueten nas redes sociais cos hastag #Tuiéunamor e #NamóratedeTui poderán optar a tres premios. Así o autor ou autora da imaxe con máis Me Gusta levará unha estancia de fin de semana nun aloxamento tudense; os segundo poderán gozar dunha cea romántica nun restaurante de Tui; e o terceiro, un estoxo de viño de produtores locais.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.