Venres, 9 Maio de 2025

Tui convida a celebrar o Entroido na casa e compartilo nas redes sociais

Este ano, debido á situación de pandemia, non haberá actividades presenciais para a celebración do Entroido en Tui, para así cumprir coas medidas sanitarias establecidas. Dende o Concello de Tui convídase á veciñanza a celebrar este festexo tradicional na casa e compartir as fotografías nas redes sociais.

Deste xeito, dende o Concello quérese manter viva esta celebración aínda que teña que ser na casa coas persoas convivintes. É por iso que se convida a fotografarse disfrazado e compartir as imaxes nas redes sociais coa etiqueta #EntroidoTui.

Do mesmo xeito dende o Concello de Tui quérese tamén lembrar o que foron até o de agora as celebracións do Entroido e por iso se convida a compartir tamén fotografías de anos pasados. Dende o Concello de Tui quérese amosar amais o agradecemento a todas as comparsas que cada ano participaban no desfile concurso de Entroido que tiña lugar na cidade, agardando o próximo ano poder retomar esta actividade.