17.6 C
Pontevedra
Domingo, 13 de Outubro de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiTui conmemora o 103 aniversario dos Xogos Florais de Galicia (1891-2021) cun...

    Tui conmemora o 103 aniversario dos Xogos Florais de Galicia (1891-2021) cun recital poético

    Será o venres 25 de xuño ás 20,00 h na Praza de Frómista

    O Concello de Tui, a través da súa concellaría de cultura, conmemorará esta semana o CXXX aniversario da celebración na nosa cidade dos Xogos Florais de Galicia, que tiveron lugar do 24 ao 26 de xuño do ano 1891 e que marcaron un singular fito na historia de Galicia, ao ser o primeiro acto público celebrado integramente na nosa lingua.

    Esta conmemoración consistirá na celebración dun recital poético este venres, 25 de xuño ás 20.00 horas na Praza de Frómista (fronte ao Teatro Principal que acolleu os actos centrais destes Xogos Florais), titulado Xela Arias no século XXI. Un recital que reunirá as compañeiras de xeración da escritora galega a quen estivo dedicado este ano o Día das Letras Galegas. O acto estará presentado pola escritora Susana Trigo e contará coa presenza de Ana Romaní, Cristal Méndez, Marga do Val e María Xosé Queizán.

    A parte musical deste recital poético estará a cargo da Orquestra do Conservatorio Profesional de Música de Tui. O cartel desta conmemoración foi deseñado por Enrique Maté Sánchez.

    Para a concelleira de Cultura do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, estes actos conmemorativos do CXXX aniversario da celebración en Tui dos Xogos Florais de Galicia, “sitúan por uns días a nosa cidade como protagonista no ámbito da cultura de Galicia e evidencian unha vez máis, a singular achega de Tui á cultura de Galicia realizada ao longo do tempo, salientando este acontecemento dos Xogos Florais que supuxeron a recuperación da nosa lingua no ámbito público”.

    Recital poético

    O recital poético contará, de xeito extraordinario, coa presenza das compañeiras de xeración de Xela Arias nun recital único neste ano dedicado á figura de Xela Arias.

    Ana Romaní (Noia, 1962). Entre 1985 e 1989 foi actriz de dobraxe. En 1988 realiza con Chema Gagino o programa de humor A Viborona en RNE-Radio Catro. En 1989 incorpórase á Radio Galega. Desde 1990 ata xullo de 2018 dirixe nesta emisora o programa Diario Cultural, de emisión diaria. Ana Romaní é membro da Real Academia Galega, Premio Nacional de Xornalismo Cultural do Goberno de España en 2018. Publicou os poemarios Palabra de Mar (Ed. Espiral Maior, 1987), Das ultimas mareas (Ed. Espiral Maior, 1994), Arden (Ed. Espiral Maior, 1998), Estremas (Galaxia, 2020) e A desvértebra (2020). Por este libro foille concedido, hai uns días, o Premio da Crítica 2020 á poesía en lingua galega. É autora tamén do conto Marmelada de amoras (Nova 33, 1997), e Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos (Ed Galaxia, 2003). Coordinou o volume de relatos Narradio. 56 historias no ar (Ed Xerais, 2003) promovido polo Diario Cultural da Radio Galega.

    Cristal Méndez (Vigo, 1964), cantante e poeta, inicia a súa formación artística en Berlín e máis tarde en Galicia onde comeza a súa carreira como cantautora e funda o grupo Mar de fondo. Gravou un disco de swing e bossa coa formación jazzística Crazy coraçao. Dirixiu e interpretou o espectáculo de música e poesía A lei dá selva (1999) e a performance de canto e poesía Andamos a moer (2001). Tamén participou como intérprete e compositora en varios espectáculos e montaxes teatrais como Libreacan (2002) ou “Cabral capricornio” (2003), este último baseado en textos seus. Amizade con Mowgli (Espiral Maior, 1997) foi o seu primeiro libro de poemas. A súa poesía tamén se atopa en revístalas Dorna e Festa dá palabra silenciada. Afincada en Barcelona desde o ano 2000, n 2018, retorna a Galicia para se establecer no Baixo Miño e continuar coa súa actividade como ensinante de canto.

    Marga do Val (Vigo, 1964), nome literario de Marga Romero Lorenzo. É licenciada en Filoloxía Hispánica, Galego-Portugués pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega.  Crítica literaria e articulista en diversos medios, autora de varios poemarios (Entre dunas, Poemas pola memoria, Sarabia, A cidade sen roupa ao sol pola que obtivo o Premio da Critica en 2011), da novela O prognóstico da lúa e de varias adaptacións teatrais para a compañía viguesa Teatro Arte Libre, así como a tradución de diversas obras literarias: Cousas da rapazas, de Peter Bichsel, en colaboración con Joachim Wormuth (Alfaguara, 1998), A Casa da paixón, de Nélida Piñón (Galaxia, 2006) e Randea do alento, de Herta Müller (Xerais, 2010) premio á tradución da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) no ano 2011. Autora de diversos ensaios sobre Otero Pedrayo, Rafael Dieste, Carolina Otero (La Bella Otero) e Lorenzo Varela. Marga do Val está estreitamente vinculada á nosa cidade.

    María Xosé Queizán (Vigo,1939), foi Catedrática de Lingua e Literatura galega, impartindo clases nun IES de Vigo. Pioneira no feminismo en Galicia, é Presidenta de FIGA (Feministas Independentes Galegas) e colaboradora literaria de La Voz de Galicia. É Directora da revista Festa da palabra silenciada e, dende 1999, da colección As Literatas de Edicións Xerais de Galicia. É Escritora, tradutora e conferenciante. En 1977 publicou o ensaio A muller en Galicia ao que lle seguiría en 1980 Recuperemos as mans e, en 1998, Misoxinia e racismo na poesía de Pondal (Laionvento). En 1989 publicou unha obra de teatro, Antígona ou a forza do sangue, coa que quedou finalista do Premio Álvaro Cunqueiro. O seu primeiro poemario Metáfora da metáfora apareceu en 1991, seguido por Despertar das amantes en 1993 e Fóra de min en 1994. Como tradutora, figuran no seu haber pezas como: O caderno azul de Marguerite Yourcenar, e tamén contos de Karen Blixen, Emilia Pardo Bazán e Charlotte Perkins Gilman. No outono de 2018 publicou en Xerais o libro de memorias “Vivir a galope”.

    Susana Trigo Arcos (Vigo, 1964), escritora e profesora de ensino medio. Foi compañeira de Xela Arias no Vigo dos anos oitenta.

    Xogos Florais

    Estes actos rememoran a celebración na nosa cidade o 24 de xuño de 1891 dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público realizado integramente na nosa lingua, e que organizados pola Asemblea Rexionalista Galega, premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía. O primeiro presidente da institución, Manuel Murguía, converteríase aquel día no primeiro intelectual en dirixirse ao público en galego, lendo un discurso que constitúe un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador, sinalando que o principal obxectivo era “o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia”.

    Na cidade de Tui unha Xunta Rexionalista, integrada por Manuel Fernández de Herva, como presidente,  xunto a Eduardo Caballero Canals, o cóengo Antonino Cerviño González, Juan Areses Alonso, o tamén cóengo Manuel Lago González, Juan Álvarez Cardero, Indalecio Rodríguez de Córdoba, Justo Salvador Fortes, Leoncio Comesaña González, Vicente García Rivera e Martín Díaz Spuch, organizaron, como representantes do Consistorio dos Xogos, un amplo programa que supuxo incluso o traslado das festas patronais de San Telmo. Do amplo programa desenvolvido salienta o propio acto dos Xogos, xunto a un concurso de gaiteiros, un banquete “rexionalista” ou a función solemne de San Telmo na Catedral tudense coa actuación da orquestra catedralicia dirixida polo mestre Manuel Martínez Posse.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.