13.3 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiTui acolle catro festivais, concertos e cinema dentro da súa programación cultural...

    Tui acolle catro festivais, concertos e cinema dentro da súa programación cultural de verán

    Tamén regresa a Festa do Miño no mes de agosto, e en setembro o MUMI

    Dende este venres, 8 de xullo, e até o luns 29 de agosto, vaise celebrar en Tui a programación cultural do verán cunha ampla oferta na que terán lugar catro festivais, – Festival da Cultural Tradicional e Folk, FIAR, Música no Claustro e IKFEM-concertos de Xoel López, a Banda de Gaitas de Paramos, Raquel Areal, Sara Areal e Karla Martínez, cinema ao aire libre e a Festa do Miño.

    A programación foi presentada esta mañá na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, a presidenta da Asociación Cultural San Telmo, Conchi Sales, e o director de Música no Claustro, Samuel Diz.

    O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expuxo na súa intervención o destacado da oferta cultural tudense indicando que “moi poucos concellos neste país teñen unha oferta e unha axenda cultural coma a que ten o concello de Tui. E non podemos esquecer a feliz casuística de que unha gran parte desta oferta cultural é de carácter transfronteirizo, e dende ese punto de vista xa non é que sexamos un caso case único no ámbito do país senón un caso case único no ámbito da Europa Occidental”. Engadiu Enrique Cabaleiro que isto é así grazas a dous piares fundamentais, un “a propia administración local que sempre fixo un esforzo importante pola cultura, por financiar todas as mostras de difusión cultural do noso país”, salientando o compromiso da administración local tanto a nivel financeiro coma técnico. O outro piar dicía son “os produtores dos distintos evento” e nese senso apuntaba que “este concello se debe considerar un privilexiado de contar con capital humano quen de xerar recursos para pór en valor diversas mostras de manifestacións culturais”.

    A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, foi a responsable de repasar a programación que comeza esta mesma fin de semana “cun festival no que a cultura e a tradición son protagonistas”. Será o primeiro dos catro festivais previstos, xunto ao FIAR, Música no Claustro e IKFEM, e ao que se sumará en setembro o MUMI.

    O II Festival da Cultural Tradicional e Folk organizado pola Asociación Cultural San Telmo abrirá esta oferta cultura este venres 8 de xullo. No marco do mesmo a praza de San Fernando acolle este venres ás 22 h a actuación do grupo Arxe e o sábado, ás 19.30 h o VII Certame de Gaita e Tamboril, e ás 22.30 o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre. Xa o domingo a partir das 19 h celebrarse no Paseo da Corredoira o VII Día da Muiñeira xunto a unha demostración do liño a cargo da Asociación Cultural “A Insua” de Vilalba coma explicaba Conchi Sales, presidenta da Asociación Cultural San Telmo. Este festival será presentado mañá en rolda de prensa.

    O Paseo Fluvial volverá converterse nunha gran sala de cine ao aire libre con capacidade para 400 persoas. Será os venres 15 de xullo ás 22h con “Valentina”, o 12 de agosto ás 22 h “Arrietty, e o 26 de agosto ás 22 h “Voando xuntos”.

    Na fin de semana do 22 ao 24 de xullo a Eurocidade Tui-Valença acollerá a segunda edición do FIAR, o Festival Internacional de Artes de Rúa con 18 funcións, 12 espectáculos, 6 pasarrúas e 6 espazos.

    A Banda de Gaitas San Xoán de Paramos ofrecerá o concerto Día de Galicia, o domingo, 24 de xullo, ás 22.15 h no Paseo Fluvial. No mesmo contarán coma artista convidada con Laura Villaverde. Interpretarán repertorio tradicional galego, portugués e arranxos de temas pop e rock.

    “Volta ás Orixes” é o título do concerto que ofrecerán as irmás violinistas tudenses Sara e Raquel Areal Martínez xunto á pianista Karla Martínez o venres, 29 de xullo, ás 22. 15h na praza de San Fernando. Ao longo dunha hora interpretarán as obras que as teñen acompañado ao longo da súa carreira musical. Así poderemos escoitar composición de Vivaldi, Falla ou Sarasate.

    Do 1 ao 7 de agosto terá lugar a XVI edición do Festival de Música, Patrimonio e Creación Música no Claustro. Un festival que segundo o seu director Samuel Diz, “dialogará coas obras” que se están a executar na Catedral. Os concertos serán o prato principal desta proposta pero tamén haberá outras propostas coma a segunda edición de Resonancias, o Foro Profesional de Instrumentos Musicais. Lembraba amais coma o festival comezou xa na festas de San Telmo coa recuperación da Misa Medieval de San Telmo, un concerto ao que acudiron 300 persoas. Tamén aludía Samuel Diz ao oitavo centenario da Catedral que se celebrará en 2025 indicando que É “unha das principais institucións culturais non so da provincia senón tamén da comunidade” e temos que reflexionar sobre como nos imaxinamos unha catedral do século XXI “que usos, que usos, que finalidades e sobre todo que identidade”.

    Xoel López estará en concerto o luns 8 de agosto ás 22 h no Espazo Feiral dentro da programación dos concertos do Xacobeo. A entrada será libre.

    Volve tamén este verán a Festa do Miño que celebrará o sábado 13 de agosto a súa décima edición. A programación comezará ao mediodía coa Romaría Popular na ribeira de Caldelas, de onde sairá o Descenso Popular do Miño que organiza o Club Kaiak Tudense. Recupérase nesta edición a Festa Gastronómica na rúa Compostela a partir das 20 h coa participación de 13 asociacións culturais tudenses, a animación de Troula Animación e o concerto da Banda Xangai.

    Pecha a programación do verán o IKFEM, o Festival Internacional de Teclado da Eurocidade que cumpre a súa décima edición. Será do 19 ao 26 de agosto.

    Toda esta programación, xunto a un avance do outono, vén recollida nun novo número da Axenda Cultural Corredoira da que se editan 14 mil que serán distribuídos en Tui e Valença.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.