Luns, 9 Decembro de 2024

Rematadas as obras da pista deportiva, parque infantil e biosaudable en Areas, Tui

Supuxeron un investimento de case 53.500 euros financiado co Plan Concellos 2018 da Deputación

Está xa rematadas as obras de acondicionamento da pista deportiva, a recuperación e ampliación do parque infantil e a creación dun parque biosaudable na parroquia de Areas. Supuxeron un investimento de 53.495,08 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra.

Con estas obras o Concello de Tui prosegue co seu obxectivo de recuperar zonas de esparexemento e lecer baixo a “perspectiva de crear espazos inclusivos para o goce de todos os membros da familia, sen facer distincións nin de idade nin de capacidades”. A concelleira de Parque e Xardíns, sinala que “o equipo de goberno ten apostado por este proxecto, tan demandado durante anos pola veciñanza da parroquias de Areas, sen perder a perspectiva do uso do lugar coma recinto das festas parroquiais”.

En concreto os traballos realizados consistiron no pintado das pistas deportivas de fútbol e baloncesto, coa colocación de novas canastas, e a recuperación das porterías existentes. Dotouse ás pistas de nova iluminación coa colocación de dúas columnas de aceiro corten con 4 proxectores led, co que se aposta polo aforro enerxético, cumprindo co compromiso adquirido na sinatura do Pactos dos Alcaldes polo clima.

[su_image_carousel source=”media: 29766,29765,29764,29770,29769,29768,29767″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Por outra parte na carballeira recuperáronse os elementos existentes do parque infantil, nunha aposta pola economía circular. Amais engadíronse novos elementos inclusivos, un teléfono, un columpio inclusivo, un xilófono e dous paneis adaptados a nenos con deficiencia visual e auditiva, así coma unha rede de escalada.

A colocación destes elementos levou a cabo tendo en conta os que os parques non só lugares de lecer, senón tamén puntos de encontro e aprendizaxe. Tendo en conta amais que o xogo é o medio máis efectivo para que os cativos e cativas desenvolvan as súas capacidades cognitivas, estes elementos permiten fortalecer a súa creatividade e imaxinación.

Na zona tamén se xerou un novo espazo para o exercicio físico dos maiores, coa colaboración de elementos biosaudables e colocouse novo mobiliario coma bancos, papeleiras de orgánico e recollida selectiva, unha fonte de auga e un bibicleteiro. No axardinamento realizouse unha pequena poda da carballeira, e plantáronse 8 liquidámbar que formarán unha cortina vexetal entre o parque e a estrada.

A concelleira de Parques e Xardíns, Yolanda Rodríguez, sinala que dende o Concello “continuase co labor de crear novos espazos ao aire libre nun entorno natural acondicionado para todos e cada un dos membros da familia, sen ningún tipo de distinción, lugares agradables de encontro para o esparexementos e a práctica de deportes ao aire libre”. Engade que “hoxe máis ca nunca consideramos que son imprescindibles non só no centro urbano, senón tamén en todas e cada unha das parroquias” polo que afirma “continuaremos traballando nese senso”.

Precisamente nesta liña o concello de Tui, ao abeiro do Plan Concellos 2019, ten arestora en licitación o acondicionamento do parque infantil situado nas proximidades do CEIP de Guillarei e do situado nas instalacións do CRA nas Bornetas, que serán executados en breve.

Por último dende o Concello de Tui fan un chamamento á veciñanza a facer un uso responsable destas instalacións.