A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil volve amosar a súa vertente máis solidaria coa organización dunha festa a favor das asociacións Un Máis e Síndrome de Deleción 1p36 que se vai celebrar o sábado, 16 de decembro, ás 20 h na Sala Metropol de Tui.
Continúan así a liña iniciada hai dous anos coa organización de eventos solidarios coincidindo coas festas do Nadal, e que nas dúas edicións anteriores contaron cunha gran acollida por parte do público, así coma dos establecementos locais que colaboran tamén nestas iniciativas.
Nesta ocasión propoñen unha noite de humor e música que abrirá o monologuista Víctor Grande, nun espectáculo no que non faltará, e en constante interacción co público. Logo será a quenda do trompetista tudense Manuel Madarnás que presentará ao público o seu traballo “La MMarca” no que versiona cancións clásicas aportándolles o seu selo persoal. Para pechar a festa actuará o grupo tudense-valenciano Old Bridge interpretando música dos 70’, 80’ e 90’ con estilos que van dende o blues, ao funk, reggae ou rock and roll.
Na presentación do evento, realizado esta mañá, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou o seu agradecemento ás persoas que forman parte da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil por organizar este evento solidario, destacando amais o traballo voluntario e altruista que realizan ao longo do ano. Tamén transmitiu o seu recoñecemento aos establecementos comerciais e aos propietarios da Sala Metropol, por facer posible a celebración deste evento nas súas instalacións. No mesmo senso pronunciouse o concelleiro de Servizo Sociais, Ismael Diz, quen amais sinalou que eventos coma estes tamén contribúen a darlle máis visibilidade a estas asociacións.
Juan González, o presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui, explicou que amais da Festa solidaria que se celebrará o 16 de decembro, teñen á venda 5.000 rifas para o sorteo de 500 €, e tamén están visitando os diferentes establecementos tudenses solicitando a súa colaboración.
Un Máis é a Asociación de Pais, Nais, Familiares e Amigos de persoas con TEA do Baixo Miño. Dende o ano 2010 traballa na comarca promovendo a educación, a formación e a integración social das persoas con trastornos do espectro autista (TEA) ao longo de toda a súa vida, ao tempo que defenden os dereitos fundamentais das persoas con TEA, e promoven a formación de pais, nais, familiares e amigos das persoas con TEA, así como dos profesionais que traballan habitualmente con elas, entre outros obxectivos. Mentres a asociación Síndrome Deleción 1p36 traballa, a nivel nacional, para mellorar a calidade de vida e a integración social tanto das persoas afectadas por este síndrome coma das súas familias, sendo amais un nexo de unión entre familias, profesionais e organismos implicados na atención de persoas con deleción 1p36, un trastorno xenético ocasionado pola perda dun fragmento de ADN no cromosoma 1.