12 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiOs Reis Magos recibirán aos nenos no Teatro Municipal de Tui

    Os Reis Magos recibirán aos nenos no Teatro Municipal de Tui

    É preciso reservar entrada e os maiores de 12 anos deberán presentar certificado COVID

    Os Reis Magos recibirán este mércores, 5 de xaneiro, aos nenos no Teatro Municipal de Tui.  Hoxe luns ás 20 h abrirase a reserva de entradas a través da web www.tui.gal. Melchor, Gaspar e Baltasar recibiran aos pequenos este mércores, 5 de xaneiro, de 11.30 h a 13.30 h e de 16.00 h a 19.00 h. Establécense quendas de entrada cada 10 minutos, admitíndose un máximo de 6 grupos por quenda estando composto cada grupo por un máximo de 5 persoas da que coma mínimo 1 debe ser unha persoa adulta.  Recoméndase acudir cunha antelación de 10 minutos sobre a hora fixada na entrada.

    A recepción contará cun protocolo covid de tal xeito que o acceso tanto ao vestíbulo do teatro coma ao patio de butacas realizarase de forma escalonada. No acceso a todas as persoas maiores de 12 anos requiriráselles a presentación do certificado covid de ter a pauta de vacinación completa, ou certificado de proba diagnóstica – test de antíxenos ou PCR negativa, ou certificado de ter superado a enfermidade.  Será obrigatorio o uso de máscara para as persoas maiores de 6 anos así coma o a desinfección de mans con hidroxel. En todo momento deberase seguir o percorrido de acceso establecido pola organización. Durante a recepción os nenos e nenas manterán a distancia de seguridade cos Reis Magos, e as persoas adultas que os acompañan poderán tomar fotografías dende o patio de butacas.   Doce paxes acompañarán aos nenos nesta recepción real.

    Por outra parte a tradicional cabalgata polas rúas do centro urbano non terá lugar este ano debido á previsión de choiva e á actual situación sanitaria. Xa hai semanas que quedou descartada a Cabalgata Internacional que cada ano celebra a Eurocidade con saída dende Valença e chegada a Tui, debido ás restricións establecidas no país veciño.  Mantívose até o último momento a posibilidade do percorrido polas rúas tudenses dos Magos de Oriente e a súa comitiva, pero esta opción vén de ser tamén descartada. De todos os xeitos aquelas persoas que o desexen poderán ver as carrozas elaboradas polas asociacións Aloia de Pazos de Reis, Arume de Malvas, Lembranzas da Terra de Guillarei e Xuntanza de Randufe que estará situadas na rúa Ourense a partir das 17 h deste mércores, 5 de xaneiro.

    A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, sinala que “este ano de novo houbo que adaptar a visita dos Reis Magos ás actuais circunstancias derivadas da pandemia”. Engade que “con todas as medidas de seguridade os nenos e nenas poderán vivir a maxia de saúdar a Melchor, Gaspar e Baltasar no Teatro Municipal”. Sonsoles Vicente agarda que para 2023 a situación permita recuperar a tradicional Cabalgata Internacional con Valença, un dos actos destacados desta Eurocidade Tui-Valença.  

    Dende o Concello de Tui amósase o agradecemento a todas as persoas que fan posible esta actividade dende os membros da Policía Local e Protección Civil, empregados municipais, a Asociación Scouts Alhoia, ás asociacións culturais Aloia de Pazos de Reis, Arume de Malvas, Lembranzas da Terra de Guillarei e Xuntanza de Randufe.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.