Mércores, 7 Maio de 2025

Os nenos alzaron hoxe a súa voz contra a violencia de xénero no pleno infantil en Tui

Sheila, Xoán, Elisa, Gabriel, Mara, Lorena, Carlos, Eva, Mara, Diego, David, Elena, Javier,.. foron parte dos nenos que esta mañá protagonizaron o primeiro pleno infantil celebrado no Concello de Tui coincidindo coa conmemoración este domingo, 20 de novembro, do Día Mundial dos Dereitos da Infancia. Unha sesión plenaria especial coa que amais o Concello de Tui abre un proceso de participación infantil e adolescente que hoxe neste pleno foi tamén refrendado por unanimidade. E amais con esta sesión comeza o programa municipal con motivo do 25N xa que o tema a tratar esta mañá polos nenos e nenas foi a violencia de xénero.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, abriu a sesión lembrando a celebración do Día Mundial dos Dereitos da Infancia, e da convocatoria desta sesión infantil respondendo á recomendación de Nacións Unidas de “participación dos nenos nas institucións públicas, de cara a que as poidades coñecer, porque son as institucións públicas as que levan a cabo medidas que vos van afectar de forma moi directa e polo importante que é xa dende moi pequenos que vos vaiades familiarizando coas mesmas” dicía . Engadía o rexedor tudense que “os nenos e nenas sodes xa o presente, sodes o presente en dereitos, e polo tanto é importante que dende ese punto de vista o conxunto das administracións públicas adoptemos políticas activas de protección dos vosos dereitos”. Sobre o tema monográfico da sesión indicaba que “as cifras de violencia de xénero son moi preocupantes” polo que “para loitar contra a lacra da violencia de xénero importante é a educación e a pedagoxía” indicando que “ poñeremos en marcha cantos mecanismos sexan necesarios para sensibilizarnos desta epidemia”.

Os representantes do alumnado dos CRA Mestra Clara Torres, dos CEIP’s Nº1, Nº2, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, e Rebordáns, do colexio Maristas Santa María, do IES Indalecio Pérez Tizón, e do Seminario Menor reflexionaron sobre a violencia de xénero, amosando a súa preocupación polo maltrato non so físico senón tamén polo psicolóxico que seguen a sufrir as mulleres, a desigualdade salarial, o teito de cristal, os xoguetes sexistas, e amosaron a súa disposición a colaborar en “iniciativas efectivas”. Propuxeron “poñer as lentes de igualdade para erradicar a violencia de xénero na nosa sociedade, porque a solución depende de todos nós”, dicía. Afirmaron tamén que “non queremos crecer nunha sociedade con violencia”.

No remate da quenda de intervención a concelleira de Igualdade, Ana Núñez, amosouse abraiada polas propostas e a visión reflexiva amosada polos e polas participantes, e felicitou aos profesorado e ás familias polo traballo que queda reflectido no sentimento transmitido por nenos e nenas. 

Explicou amais que que este proceso de participación infantil terá continuidade coa creación dun Consello Municipal de Infancia e Adolescencia, con obradoiros nos centros educativos e nas parroquias, coa colocación de caixas de suxestións, elaboración de enquisas, redes sociais específicas, e constitución dunha mesa de coordinación para promover a transversalidade das políticas da infancia. 

Interviñeron os representantes do grupos políticos presentes. José Manuel Palacín de C21 falou de “esperanzadoras propostas” as feitas polo alumnado na loita contra o machismo, que dicía é “unha loita universal”. 

José Ángel Fernández do PP destacou “o labor tan magnífico dos responsables educativos” e felicitou aos nenos e nenas polas súas propostas. Dicía “hoxe sodes protagonistas e nos puxéchedes deberes, temos que camiñar cara adiante con todas estas inquietudes que tedes, e darvos as grazas por participar”.

Coma remate do pleno aprobado polos representantes dos centros educativos, por unamimidade, continuar con este proceso de participación infantil, do que hoxe foron os protagonistas.