6.4 C
Pontevedra
Martes, 5 de Decembro de 2023
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiO obradoiro de emprego recuperou máis de 4.600 metros da senda do...

    O obradoiro de emprego recuperou máis de 4.600 metros da senda do río Furnia en Tui

    Onte tivo  lugar a clausura do obradoiro dual de emprego “Senda Peonil do río Furnia” tras un ano de formación e traballo que permitiu culminar unha senda de 4.650 metros á beira do río Furnia nas parroquias de Malvas e Pexegueiro. Era un proxecto complexo, tal e coma se destacou no acto de clausura, no que grazas ao esforzo e implicación de todo o equipo do obradoiro, persoal técnico, docentes e alumnado, foi posible rematar, rehabilitando unha senda que parte da Devesa en Malvas e conclúe no Souto en Pexegueiro.  Cómpre salientar tamén coma as vinte persoas que participaron coma alumnado adquiriron ao longo dos últimos doce meses unha formación en dúas áreas que contan con gran demanda laboral nestes momentos e das que obtiveron os correspondentes certificados de profesionalidade.

    O acto de clausura contou coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, do xefe territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualade, José Antonio Rodríguez, membros da corporación municipal, a directora do obradoiro, Mª Dolores Pérez, persoal técnico e docentes e o alumnado.

    O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, na súa intervención, destacou coma o proxecto executado foi complexo dende a súa redacción a súa execución, resaltando o traballo realizado. Salientou a aposta pola formación e pola recuperación de elementos patrimoniais e naturais que se ten feito nos últimos anos con estas accións formativas.   Amosou o seu agradecemento aos grupos políticos da corporación que no seu día aprobaron habilitar o crédito preciso para facer fronte á aportación municipal con cargo ao remanente de tesourería.

    Tamén agradeceu á Xunta de Galicia ter financiado con preto de 2 millóns de euros tres obradoiros de emprego e tres Programas Integrados de Emprego, así coma polo seu compromiso con políticas activas de emprego e con Tui. Ao que se suma un cuarto obradoiro que vén de ser concedido, dicía.

    No mesmo senso pronunciouse a  concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, salientando que estas acción contribuíron a mellorar o índice de cualificación e tamén os datos de desemprego. Afirmaba que “as políticas activas de emprego dan resultado”.

    A concelleira felicitou ao alumnado e ao persoal do obradoiro pola súa implicación, esforzo, dedicación e traballo en equipo. E tivo tamén palabras de gratitude para a veciñanza que coa cesión dos terreos precisos posibilitou a execución da senda.

    Pola súa parte o xefe territorial da Consellería de Emprego, José Antonio Rodríguez agradeceu tamén ao alumnado o compromiso, esforzo e traballo feito que redunda no propio municipio coa senda que realizaron.  Explicou que para a Xunta o emprego e formación son prioritarios e coma os obradoiro duais, coma o clausurado onte, son os buques insignia.

    A directora do obradoiro, Mª Dolores Pérez , referiuse tamén ao ambicioso do proxecto executado e a implicación amosada polos alumnos e alumnas que hoxe recibiron os seus diplomas nas especialidades de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e Montaxe e instalación de construcións de madeira. 

    Nestes doce meses o alumnado da especialidade de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes levou a cabo a limpeza e roza da zona, melloras no camiños e senda, eliminación de especies invasoras e lixo do cauce fluvial, e elaboración de escadas con troncos de madeira entre outras actuacións. Mentres os alumnos e as alumnas de Montaxe e instalación de construcións de madeira construíron varandas, pasarelas, escadas, pontes biapoiadas, ramplas, e toda a sinalización da senda.

    Este obradoiro supuxo un investimento cercano aos 700 mil euros dos que 503 mil euros foron aportados pola Xunta e 160 mil polo Concello.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.