Mércores, 7 Maio de 2025

O Mercado de Nadal inunda de maxia o Paseo da Corredoira

A maxia do Nadal inundará a partir de hoxe luns, 5 de decembro, o Paseo da Corredoira de Tui. Até o 5 de xaneiro este céntrico emprazamento acollerá o Mercado de Nadal organizado polo Concello de Tui. Artesanía, gastronomía, produtos de agasallo, decoración… todos vinculados ao Nadal e elaborados artesanalmente ocuparán as dez casetas de madeira, coidadosamente decoradas e iluminadas, que acollerán a trintena de postos que participarán nesta actividade durante as catro quendas establecidas.

A apertura do Mercado terá lugar hoxe ás 17 h da tarde. Até o domingo 11 presentarán os seus produtos Artesanía O Pereiro, Arco da Vella, CEIP Pazos de Reis; Cerámica Ferreira, Churrería Chocolateria Patry, Club de Patinaxe Artístico Ribex, Do Gaiteiro, Entre Telas, La Aguada Artesanías, Mari Fastudio, Mel Liñares e Ruta 82.

O Mercado de Nadal, na Corredoira, abrirá de luns a xoves de 17.00 h a 21.30 h; os venres, sábados, domingos, festivos e véspera de festivo de 12.00 h a 14.00 h e de 17.00 h a 21.30 h. Mentres o sábado 24 e o sábado 31 de decembro abrirá so en horario matinal, e permanecerá pechado os domingo 25 de decembro e 1 de xaneiro.