10.8 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiO concerto do grupo Milladoiro no Teatro Municipal de Tui retransmitirase en...

    O concerto do grupo Milladoiro no Teatro Municipal de Tui retransmitirase en directo en tui.gal

    Será mañá venres ás 19.30 h dentro da xira do seu 40 aniversario

    O Teatro Municipal de Tui acollerá mañá venres, ás 19.30 h, o concerto do Grupo Milladoiro na súa xira 40 aniversario. A capacidade do teatro está reducida a 30 espectadores polas actuais medidas restritivas vixentes en Tui. As entradas dispoñibles esgotáronse xa a comezos de semana. Para poder chegar a máis público o Concello de Tui apostou por retransmitir en directo este evento musical na web municipal www.tui.gal.  O Concello aposta por manter a actividade cultural nestes difíciles momentos e neste caso concreto coa posibilidade de poder gozar cun dos grupos musicais máis importantes de Galicia. Este concerto chega a Tui da man da Xunta de Galicia.

    O concerto comezará as 19:30 h pero abriranse as portas media hora antes para as 30 persoas que adquiriron as entradas e completaron o aforo para este concerto. Unha capacidade alterada polo nivel de alerta 3 que afecta a Tui.

    Neste concerto Milladoiro repasará os temas que marcaron estas catro décadas de música presentando tamén o seu último disco “Atlántico”. Dende os seus primeiros traballos discográficos, este grupo fixo unha reiterada referencia ao Camiño de Santiago como vehículo de transmisión cultural, de ida e volta, que influiría de xeito determinante na formación cultural de Galicia e en particular no que a música se refire. Referencia que queda patente nos títulos de moitos dos discos e temas, así como dos comentarios que os acompañan.

    En todos os seus concertos, ao longo e ancho do mundo, foi unha constante a referencia á cultura galega da que nunca pode estar ausente o fenómeno xacobeo. Concertos en lugares tan importantes coma o Teatro Nacional de Cuba, o auditorio Blackman de Los Ángeles ou nunha longa lista de cidades europeas como Munich, Amsterdam, Niza ou Copenhage. Mañá venres poderemos gozar con Milladoiro no Teatro Municipal de Tui.

    Os compoñentes actuais de Milladoiro son Xosé V. Ferreiros, Nando Casal e Moncho García, que permanecen no grupo dende os seus inicios, e Harry.c, Manú Conce e Manuel Riveiro, que se incorporaron nos últimos anos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.