Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello homenaxea ao Cabo Fradera polos sesenta anos de presenza en Tui

O venres 15 terá lugar a entrega dun bandeirín e o xoves 14 haberá xornada de portas abertas e unha mesa redonda

O Concello de Tui vai facer entrega dun bandeirín ao patrulleiro Cabo Fradera con motivo do sesenta aniversario da súa presenza en Tui como recoñecemento da nosa cidade a ampla traxectoria deste patrulleiro e a súa permanente contribución á vida do noso municipio a longo destas décadas. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, fará entrega deste bandeirín ao comandante e dotación do Patrulleiro de Vixilancia Interior Cabo Fradera o  próximo venres, 15 de setembro, ás 11.30 h.

Este domingo, 10 de setembro, é cando se cumpre o sesenta aniversario da chegada a Tui do patrulleiro Cabo Fradera, dando continuidade a presenza da Armada na nosa cidade e nas augas do río Miño dende as últimas décadas do século XIX.

Amais do acto central previsto para o venres 15 a xornada anterior, o xoves 14 terán lugar dúas actividades abertas á participación da cidadanía para contribuír ao coñecemento deste patrulleiro Cabo Fradera e a súa traxectoria na nosa cidade.

Así o xoves 14 de 16 e 19 horas terá lugar unha Xornada de Portas Abertas na Comandancia Naval do Miño onde se poderá visitar unha exposición de material da Armada e visitar ao propio patrulleiro. As persoas interesadas deben inscribirse, até o martes 12, a través do correo electrónico [email protected] indicando o seu nome completo, DNI e teléfono de contacto, non admitíndose máis que tres inscricións por correo enviado. 

A continuación, o xoves ás 20 h, no salón de actos da Aula da UNED no antigo convento de San Domingos terá lugar unha mesa redonda sobre o aniversario da chegada a Tui do PVI Cabo Fradera na que participarán o CF Enrique García González, excomandante Naval do Miño, Rosendo Bugarín González, autor do libro “Tui y la Armada e José Joaquín García Rodríguez ‘Pepín Pernas’. Será moderada por José A. Font Moldes, director da Radio Municipal de Tui. A entrada será libre até  completar o aforo. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, indica que o acto de entrega dun bandeirín co escudo do buque con motivo do sesenta aniversario da presenza en Tui do patrulleiro de vixilancia interior Cabo Fradera da Armada testemuña “o recoñecemento a súa traxectoria, actividade e implicación coa cidadanía tudense e do Baixo Miño”.