A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, reuniuse hoxe con representantes dos seis centros educativos –entre eles o CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón de Salvaterra de Miño e o CEIP Plurilingüe Nº 1 de Tui– que participan no novo programa Escolas de fronteira, a través do que a Xunta de promove as competencias bilingües e interculturais entre centros, docentes e alumnos de Galicia e Portugal.
Neste primeiro curso, participan na iniciativa un total de seis centros que implementaron nos pasados anos accións con centros portugueses. Ademais do xa citados centros de Salvaterra de Miño e Tui, participan no proxecto o CEIP Rosalía de Castro e CEIP Carlos Casares, ámbolos dous de Xinzo de Limia; e o CEIP Princesa de España e CEIP Plurilingüe Amaro Refojo de Verín.
A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades felicitounos pola súa disposición a formar parte desta iniciativa piloto e polo seu interese por tecer redes educativas e culturais cos centros do país veciño. Así mesmo, interesouse polos proxectos desenvolvidos en cursos anteriores en colaboración con centros lusos.

Proxecto conxunto
Escolas de Fronteira busca promover actividades culturais e pedagóxicas, así como a promoción da identidade común dos pobos galego e portugués dentro dunha perspectiva xeral de integración europea e do mundo lusófono. Para iso, faranse actividades interdisciplinarias que engloben as realidades de ambos os países e, en particular, o territorio fronteirizo no que se atopan as escolas. Cada centro participante realizará un proxecto en conxunto co seu centro espello portugués e promoverase a creación e intercambio de recursos pedagóxicos.
Tamén se impulsará a formación do profesorado. De feito, os docentes encargados do proxecto de cada centro participante realizarán unha formación específica sobre metodoloxía de proxectos multiculturais.
A iniciativa enmárcase dentro do proxecto Escolas Bilingües Interculturais de Fronteira, un proxecto de cooperación entre os gobernos de Portugal, España e as comunidades autónomas coa colaboración da Organización de Estados Iberoamericanos como socio estratéxico. Conta coa participación da Universidades de Aveiro, da Universidad Complutense de Madrid e centros de formación do profesorado das diferentes comunidades autónomas.