Sábado, 3 Maio de 2025

Maxia e teatro abren a programación cultural no Teatro Municipal

Con dobre proposta comeza esta semana a programación cultural no Teatro Municipal de Tui. Hoxe xoves, 4 de marzo, ás 18:30 h 2 Mind Combined presenta ‘Maxia sen trucos’ e o venres 5 de marzo ás 19:30 horas, La Quintana presenta a súa comedia ‘O Premio’.

Ian Hamilton e Elisa Alfaya –2 Mind Combined– presentan hoxe xoves un espectáculo para público familiar a partir de 4 anos, no que combinan maxia, ilusionismo, mentalismo, sombras chinescas… Ao longo de 50 minutos en ‘Maxia sen trucos’ achegan ilusións imposibles, bailarán, xogarán, e transmitirán unha mensaxe de esperanza. As entradas están á venda en tui.gal aos prezos de 4 € e 3 € até hoxe xoves ás 17:30 h.

Ao día seguinte, o venres, 5 de marzo, ás 19:30 h La Quintana presenta a comedia ‘O Premio’. Marian Bañobre dirixe a Victoria Teijeiro Álvarez, Raquel Espada e Xurxo Cortázar nesta obra teatral de creación colectiva con dramaturxia de Santiago Cortegoso. ‘O Premio’ é un reality en directo onde o público vota a quen merece levar o premio da súa vida: “Morrer logrando a fama. Todo por un soño”. A obra parte dun momento, nun futuro próximo, no que o progreso tecnolóxico e a loita cara ao éxito económico, sentimental e social é tal, as persoas caen en ‘O Premio’ como única fórmula de conseguir a felicidade. Plantexan tres finais distintos en función do voto do público. A obra ten unha duración de 90 minutos. As entradas están á venda en tui.gal até o venres ás 18:30 h aos prezos de 6 € e 5 €.

Cómpre lembrar que o aforo do teatro está limitado a 148 butacas por función.