Sábado, 3 Maio de 2025

Margarida Mariño e Laura Iturralde poñen en escena mañá xoves en Tui “As voces da Conciencia”

A praza norte da Catedral de Tui será mañá  o escenario de “As voces da conciencia” con Margarida Mariño e Laura Iturralde e dentro do programa “Mulleres en acción. Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra.  

“As voces da conciencia” é unha peza multidisciplinar na que as protagonistas son as voces de distintas mulleres  que narran en primeira persoa cómo a violencia machista afectou ás súas vidas, en calquera das  súas moitas formas, conseguindo crear un ambiente incómodo que convida á autoreflexión como  sociedade. 

Margarida Mariño e Laura Iturralde achegan tamén unha mensaxe esperanzadora, que “loita por acadar una consciencia colectiva que consiga  rematar dunha vez por todas con esta lacra”.  “As voces da conciencia” é unha obra coral entre mulleres, que se expresa a  través da música, das escenas sonoras, da videocreación e da iluminación camiñando entre estilos  dende o violoncello clásico ata o máis vangardista, mesturado con electrónica e deixando ao  ouvinte coa última palabra e a súa libre interpretación.

Margarida Mariño é  autora da  idea, e da composición musical, violoncello e electrónica , mentres que Laura Iturralde realizou a composición visual, videoarte, e iluminación.

O acto é a aberto a todo o público. A concelleira de Igualdade,  Ana Núñez, agradece a Deputación está iniciativa, ao  tempo que convida a asistir a toda a cidadanía e visitantes a esta actuación artística que “ten como fin último a loita contra violencia de xénero”.

Laura Iturralde é técnica Superior en Imaxe e en Gráfica Publicitaria e Titulada Superior en Arte Dramática na especialidade de Escenografía. Nos seus traballos destaca a dirección artística de Terra, do grupo galego Tanxugueiras para o festival de Benidorm ou o deseño de iluminación e videoescena de Fariña. Traballa como iluminadora, escenógrafa e videocreadora con múltiples proxectos escénicos, artistas ou compañías como Mercedes Peón, Brigitte Vasallo, A Quinta do Cuadrante, Centro Dramático Galego, Cía Borja Fernández, ou  Pálido Domingo. Desenvolve tamén o seu traballo máis persoal nos proxectos de música con visuais como Corvax e en instalacións como Fenda ou Centinela.

No seu haber ten varios Premio María Casares á mellor escenografía polo seu traballo en Resaca , en iluminación por Invisibles,  O Empapelado Amarelo  e Bailar Agora. Foi galardoada en 2021 co premio  Rogelio de Egusquiza, da Asociación de Directores de Escena de España pola iluminación de Fariña, de Ainé Producións. Margarida Mariño é licenciada no Conservatorio Superior Liceu de Barcelona. Explora os límites sonoros i estéticos do violoncello, experimentando con xéneros onde o seu instrumento non é tan común, coma a improvisación libre e o jazz, música espontánea i experimental, electrónica ou música tradicional galega. Ten formado parte de diferentes formacións coma a Orquestra Ressonance (Suiza), La Via dei Concerti (Italia) ou a Filharmonía de Galicia. No ano 2015 foi galardonada co dúo Treme polo premio Música Xove á mellor banda galega. No ano 2018 foi solista da producción do Teatro Real, Pulcinella.  Ten dous traballos discográficos publicados co multiinstrumentista Fernando Barroso: Silence Lovers Club (2018) e Xograr (2020), co trío de música clásica e contemporánea Eixos Cromáticos (2020) e co quinteto de jazz Límbico (2021).  En febreiro de 2020 presenta o seu traballo en solitario Cello&Electronics, fusionando o violoncello clásico coa electrónica. Ten composto e interpretado música orixinal para o cine.