O Consorcio de Augas do Louro organizou unha xornada de portas abertas dirixida á poboación dos catro concellos que integra, Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui. Trátase dunha das actividades realizadas para conmemorar o Día Mundial da Auga á que asistiron un total de 82 persoas, 58 adultos e 24 nenos.
Foi o pasado sábado, 25 de marzo, cando en diferentes quendas, de mañá e de tarde, participaron da visita guiada polas instalacións da EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) de Guillarei, en Tui, a través da cal coñeceron o funcionamento da planta e todo o ciclo da auga.
[su_image_carousel source=”media: 69762,69759,69760,69761″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
“Esta iniciativa pretende resaltar a importancia da auga como recurso imprescindible para o benestar da sociedade mostrando os procesos de depuración e o conxunto da xestión do ciclo urbano da auga, ademais de sensibilizar sobre o problema da contaminación da auga e concienciar sobre a capacidade persoal de axudar ao medio ambiente”, explica o presidente do Consorcio, Alejandro Lorenzo.
Programáronse tres visitas, dúas en horario de mañá, unha delas específica para menores de 12 anos, e outra de tarde.
Esta xornada de portas abertas complementouse cos xogos lúdicos que se organizaron ao longo da semana pasada, co alumnado de Educación Primaria dos centros escolares dos diferentes concellos, celebrando así a efeméride do 22 de marzo.